Domingo 23 de Setembro de 2018

O Concello explica que os vertidos na Milagrosa-Cruz Alta proceden da rotura dunha rede privada e que o seu arranxo é competencia dos propietarios


Tras revisar cunha cámara os tubos comprobouse que as filtracións parten dunha acometida privada común a varias vivendas nun camiño privado tras as traseiras de Alfonso X O Sabio

 

O Concello confirma que a aparición de augas fecais na rúa Nuño de Ousende, no barrio de La Milagrosa-Cruz Alta, é froito da rotura na tubaxe na rede particular de saneamento de nove edificios na rúa Alfonso X O Sabio, e que deben ser os propietarios os que reparen a obra.

Tamén desminte que os vertidos poidan afectar a estación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETA), tal e como pretende insinuar na prensa a formación Democracia Ourensana (DO) porque o depósito está completamente illado do exterior a atópase nunha cota superior as surxencias.

O problema foi detectado tras un aviso pola aparición de augas residuais xunto aos números 8, 10 e 12 da rúa Nuño de Ousende. A petición do Concello, técnicos da concesionaria Viaqua desplazáronse até a zona para buscar a orixe da surxencia nas conexións á rede de saneamento.

Tras revisar o interior das tuberías cunha cámara, comprobaron que a fuga ten a súa orixe nunha acometida privada común de desaugue que non forma parte da rede xeral de saneamento municipal e que pertence aos números impares da rúa Alfonso X o Sabio e a unha vivenda da rúa Nuño de Ousende.

A toma dun destes edificios está rota, o que produce a entrada de terra dentro do saneamento común e que se atasque a rede producindo a saída de augas residuais que atravesan a pista privada, cruzan o parque e chegan a Nuño de Ousende.

Os mesmos propietarios recoñeceron ante o Concello que a perda se está a producir nunha toma privada que pasa por unha pista particular nas traseiras das edificacións .

O artigo 40 do Regulamento de Vertidos do Concello sinala que neste tipo de acometidas, con máis dun empalme os gastos de reparación e mantemento deben ser repartidos entre todos os usuarios.

Por este motivo, dende o Concello instouse aos propietarios a arranxar este problema e que o fagan coa máxima urxencia por tratarse dunha cuestión de salubridade pública.

Nun primeiro momento ningún dos inmobles implicados puxo obxección algunha e deron o seu visto bo ao presuposto para arranxar o tubo, pero as obras aínda non se iniciaron porque varios dos inmobles non respectaron co acordo inicial. No caso de que non se produza un acordo o Concello podería acometer as obras e pasarlle ós propietarios as custas do arranxo.

Dende o Concello laméntase o uso político que Democracia Ourensana está a facer deste problema na prensa, tentando responsabilizar ao Grupo de Goberno por unha cuestión que entra dentro do ámbito particular e que debe ser resolto polos propietarios das vivendas.

O Grupo de Goberno considera lamentable que DO “se dedique a buscar nos sumidoiros” para obter titulares coa única intención de botar lixo na xestión municipal e sen informarse previamente das cuestións coma neste caso, onde se trata dun problema que ten que ser corrixido polos propietarios tal e coma sinala o propio Regulamento de Vertidos do Concello.

Así, deféndese a xestión realizada neste caso, xa que o Concello tentou axilizar unha solución ao problema instando aos propietarios arranxar o antes posible a rotura do tubo da rede privada.

Tamén deplora o alarmismo de DO á hora de alertar sobre posibles filtracións dos vertidos na ETAP, cando se trata dunha infraestrutura que está nunha cota superior e na que non hai posibilidade de filtracións ao tratarse dun compartimento estanco, xa que no caso de non ser así filtraría auga potable cara o exterior.

Para o Goberno Municipal as afirmacións de DO son un exemplo máis da forma de facer política do líder de DO, Gonzalo Pérez Jácome, baseada en crear alarma social e non contar a verdade senón unha versión interesada da mesma cos ollos únicamente postos nas urnas desbotando o interese xeral e a veracidade dos feitos.

Deja un comentario