Martes 17 de Xullo de 2018

Unha representación teatral e un roteiro interpretativo conmemoran o vindeiro sábado o 150 aniversario da extinción deste territorio, situado na zona fronteiriza entre Galicia e Portugal


A Deputación de Ourense, a través do proxecto Gerês-Xurés Dinámico, colabora na promoción e difusión da historia do Couto Mixto, con eventos culturais e turísticos. O vindeiro sábado unha representación teatral e un roteiro interpretativo conmemoran o 150 aniversario da extinción deste territorio, que estaba situado na zona fronteiriza entre Galicia e Portugal. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o representante da Asociación de Amigos do Couto Mixto, Xosé Manuel Cid; e o representante da empresa Xeitura, encargada da representación, Manuel Gallego.

Fernández lembrou que o Couto Mixto é “un enclave de tres parroquias situadas entre España e Portugal, que funcionou como unha república independente desde a Idade Media ata finais do século XIX. Foi un territorio cheo de singularidades históricas e culturais que remataron coa sinatura do Tratado de Lisboa en 1864”. Por iso, a Deputación de Ourense, consciente da súa importancia e da súa singularidade, desenvolverá en Santiago de Rubiás (antiga capital do Couto Mixto) “unha serie de iniciativas culturais enfocadas a reivindicar e dignificar a historia desta zona, dando a coñecer as súas peculiaridades históricas e culturais, contando para elo co asesoramento da Asociación de Amigos do Couto Mixto”.

O vindeiro sábado, 7 de xullo, coincidindo co 150 aniversario da extinción do Couto Mixto (1868-2018) e co día do nomeamento dos novos xuíces honorarios do Couto Mixto, terá lugar ás 13,00 horas unha representación teatral ambientada no século XIX, na cal catro personaxes axudarán a coñecer as singularidades dun enclave único no territorio europeo. A representación, que terá lugar no adro da igrexa de Santiago de Rubiás, dará a coñecer dun xeito ameno e didáctico a historia do Couto Mixto.

O representante de Xeitura explicou que a representación está baseada na obra “Breve historieta sobre o Couto Mixto”, de Delfín Modesto Brandón, e está ambientada na época da extinción do Couto Mixto.

Xosé Manuel Cid agradeceu á Deputación de Ourense a súa contribución “para dignificar a memoria do Couto Mixto, unha xoia de tanta transcendencia histórica e cultural”, e Manuel Gallego dixo que esta actividade “amosa esa máxima de coñecer para valorar e conservar, incidindo sobre o rural e actuando sobre as especificidades que ten Ourense, entre elas, o Couto Mixto”.

Outra das actividades será, o día 28 de xullo, un roteiro interpretativo polo Couto Mixto, así como talleres de sensibilización que se celebrarán ao longo do verán para dar a coñecer o patrimonio natural e cultural desta contorna, co fin de contribuír á dinamización das Portas de Xurés, neste caso á Porta de Calvos de Randín, centro de interpretación do Couto Mixto, situado na reitoral de Santiago de Rubiás.

Proxecto Gerês-Xurés Dinámico

O proxecto Gerês-Xurés Dinámico, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) – Programa INTERREG V A España – Portugal 2014-2020, abrangue actividades encamiñadas á dinamización da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX), a través da promoción do turismo sustentable como un factor de desenvolvemento dos concellos galegos e portugueses. Isto realizarase mediante a oferta turística da “Rede de Portas da RBTGX”, formada polas 6 Portas do Xurés (Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños), e as 5 Portas do Gerês (Arcos de Valdevez, Melgaço, Montalegre, Ponte da Barca e Terras de Bouro), así como coa creación de valor engadido dos produtos endóxenos da zona.

Deja un comentario