Xoves 15 de Novembro de 2018

Os concertos das orquestras foron a actividade máis seguida das últimas Festas de Ourense, onde máis de 65.000 persoas participaron nas propostas do Concello


As catro verbenas da rúa Progreso reuniron a 32.500 persoas; e as actuacións de Olympus e París de Noia foron as actividades máis seguidas das Festas, con 10.000 espectadores cada unha

Máis de 65.000 persoas participaron nos concertos e actividades propostas polo Concello de Ourense ao longo dos nove días das Festas de Ourense.
As verbenas na rúa Progreso foron a actividade máis concorrida. Segundo datos da Concellería de Cultura, máis de 32.500 persoas asistiron as actuacións das orquestras nos últimos catro días de festexos.

Os concertos da Orquestra Olympus (a madrugada do sábado ao domingo) e de París de Noia (a noite do domingo), foron as actividades máis numerosas destas festas, chegando a contar ambas coa presenza dunhas 10.000 persoas na rúa. A madrugada do venres ao sábado a Orquestra Panorama reuniu a 7.500 persoas; e o Combo Dominicano (na madrugada do xoves ao venres) a 5.000 asistentes.

Pola súa banda, por diante do escenario instalado na Praza Maior chegaron a pasar máis de 20.000 persoas (20.799) durante os oito concertos organizados no escenario principal dos festexos, o que supón que foron seguidos por unha media de 2.600 persoas.

O concerto máis multitudinario foi o dos Secretos, que chegou a encher o aforo, e que foi seguido tamén nas rúas no contorno da Praza Maior por un total de 4.375 fans.

Por encima da media tamén se situaron as actuacións do cordobés Antonio José, que foi seguido por 3.626 persoas; o grupo madrileño Seguridad Social, que concitou a presenza de 3.367 asistentes e o concerto de Best Life e Sidonie, que encheron a Praza Maior con 2.616 persoas.
Ao concerto de Xestreu e Treixadura acudiron 2.500 espectadores; á actuación de Andrés Suárez (tras o pregón) 2.445 persoas; a Guadi Galego e Ramón Mirabet, 1.000 persoas; e o concerto Sons da Auria foi seguido por preto de 900 persoas.

Este foi o espectáculo que tivo menos público, ao coincidir co horario de apertura de portas no Xardín do Posío para o concerto dos ourensáns Mitocondrias e de Rosendo, que superou as 3.100 persoas.

En total, ao longo destes días polo Xardín do Posío pasaron 5.400 persoas. O grupo Dvicio, que xurdiu coma un fenómeno das redes sociais, concitou a presenza de 900 espectadores; mentres que a última edición de Ourense Dance contou con 1.200 participantes.

Menos presenza tivo a Paint Party, o espectáculo de pintura e dj’s que tivo lugar o sábado, no que participaron 200 persoas, pero que se viu afectado pola intensa chuvia da xornada.

As treboadas condicionaron todo na última fin de semana, que era a que viña máis cargada de actividades. Así, a Batalla de Flores tivo que ser suspendida tras 30 minutos de percorrido e a pesares de contar con numerosa presenza de público nas rúas.

Tamén se suspendeu o Enofestival, para o que se habían vendido anticipadamente unhas 250 entradas.

Ademais a chuvia tamén obrigou a suspender os concertos previstos nas Prazas de San Martiño e do Ferro durante a fin de semana. O resto das festas ambos recintos rexistraron cheos nos concertos programados entre as 20:00 e 21:00 horas.

Por ambos recintos pasaron unhas 1.700 persoas, a pesares de que algún músico, coma Indomable tivera que competir co partido da selección española.

Cando non choveu, tamén se rexistraron boas asistencias en forma de rúas cheas nas zonas do Mercado Medieval e das atraccións de feira (Remedios).

Polo resto, boas asistencias en Bispo Cesáreo. O espazo gastronómico das Foodtrucks encheu mesas e a praza, especialmente coincidindo coas actuacións musicais. Pola súa banda, os dous pases diarios do teatro de rúa, contaron cunha asistencia media por sesión dunhas 100 persoas (1.000 entre luns e venres).

No apartado deportivo, a exhibición da selección chinesa de wushu, onte domingo no Auditorio Municipal, foi seguida por 400 persoas.

Deja un comentario