Xoves 15 de Novembro de 2018

A Deputación de Ourense convoca o XV Premio “Pura e Dora Vázquez” de ilustración


Os traballos deberán tomar como base a obra gañadora na modalidade de narración, As historias da ogra Pinta, de Ánxela Gracián, e o prazo de presentación está aberto ata o 3 de setembro

O vindeiro 3 de setembro remata o prazo para presentar traballos para o XV Premio “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O obxectivo do certame é recoñecer a calidade artística de traballos creados para nenos e mozos, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez.

Os participantes deberán presentar os traballos tomando como base o texto gañador na modalidade de narración, que este ano foi a obra As historias da ogra Pinta, da escritora Ánxela Gracián. Os interesados en participar na modalidade de ilustración poderán solicitar o texto persoalmente, por correo electrónico ao enderezo: publicacions@depourense.es, ou a través do teléfono 988317790.

Os traballos de ilustración deberán remitirse ao Negociado de Publicacións tendo en conta as seguintes bases:

1.- Poderán concorrer ao premio ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste XV Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración xuvenil.

2.- As ilustracións deberán adaptarse ao tamaño do libro, que será o seguinte: a. Ilustración de portada: 145 x 210 mm, tamaño visible da portada co libro pechado, sen sangue. 513,6 x 216 mm, tamaño total incluído solapas, contraportada e sangue. b. Ilustracións interiores: 296 x 216 mm, sobre páxina con sangue.

3.- A presentación irá en sobre pechado e indicando no seu exterior “Premio Pura e Dora Vázquez, na modalidade de ilustración” e poderá presentarse de maneira presencial na oficina de asistencia ao cidadán en materia de rexistros, ou ben por correo certificado ao seguinte enderezo: Deputación Provincial de Ourense. Rexistro Xeral. Rúa do Progreso, 32. 32003 Ourense.

As obras remitidas irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico, unha fotocopia do DNI e breve currículo.

Cando as obras se remitan por correo certificado, deberá remitirse por correo electrónico á dirección publicacions@depourense.es unha copia do xustificante do envío emitido pola oficina postal.

4.- O prazo de admisión de orixinais remata o 3 de setembro de 2018.

5.- Para esta modalidade de ilustración establécese un premio de 1.500 €.

6.- O xurado estará composto polos seguintes membros: o presidente da Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, en que el delegue) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretaria a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue (con voz e sen voto). Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Cultura, Deportes e Mocidade da Deputación Provincial, a proposta dos grupos políticos da Corporación.

7.- A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente, e este emitirá o seu ditame antes do 30 de setembro de 2018.

8.- O acto de entrega do XV Premio “Pura e Dora Vázquez” nesta modalidade de ilustración será o día, no lugar e á hora que se comunicarán oportunamente.

9.- O premio poderá ser declarado deserto, no caso de que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.

10.- A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.

11.- Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ao veredicto. Rematado ese prazo, os que non se retiren, serán destruídos.

A participación nesta convocatoria require a aceptación das normas contidas nestas bases.

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais), e disporá de exemplares para a súa distribución venal, nas condicións establecidas na Ordenanza reguladora de Publicacións publicada no BOP do día 19 de novembro de 2013.

Deja un comentario