Luns 19 de Agosto de 2019

Muller, traballadora, entre os 46 e 60 anos, perfil medio do alumno do último curso da Universidade Popular, segundo un informe da Concellería de Educación


O portavoz do grupo de Goberno, José Araújo, achegou os datos deste informe, que confirma un incremento do 17,85% das matrículas e dun 24,2% de actividades dende a chegada do PP ao Concello

 As propostas dedicadas a mellorar a saúde e a calidade de vida dos alumnos concentraron ao 32,44% dos participantes
 Tamén deu conta dos 22 asuntos tratados na Xunta de Goberno Local, onde tiveron especial incidencia os aportados pola Avogacía consistorial
Ourense, 28 de xuño de 2018.
Muller, traballadora e con unha idade comprendida entre os 46 e os 60 anos, foi o perfil medio do alumno do último curso da Universidade Popular, no que “se acadaron cifras récord de participación (3.037 matrículas) e de oferta formativa (un total de 133 actividades)”.

Así o confirmou hoxe o portavoz do grupo de Goberno, José Araújo, na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno Local, na que se trataron un total de 22 asuntos e deuse conta dun informe da Concellería de Educación sobre a última edición da Universidade Popular.

“Este ano os cursos volveron bater récords, cun incremento dun 4,72% das propostas formativas e de 31 participantes respecto a pasada edición” sinalou José Araújo. Nesta liña, explicou que dende a chegada ao Goberno do grupo popular o número de inscritos aumentou nun 17,85% (pasando de 2.577 no curso 14/15 a 3.037 no curso 17/18), mentres que a oferta de actividades subiu un 24,2% (de 107 a 133).

O informe da Concellería de Educación tamén revela que as mulleres seguen a ser unha abrumadora maioría (un 77%) fronte ós homes (23%), que o 39% dos participantes tiñan unha idade entre 46 e 60 anos e que a maioría dos alumnos están a traballar (un 33%, fronte a un 29% de amas de casa e un 25% que están en paro).

As propostas dedicadas a mellorar a saúde e a calidade de vida dos alumnos, coma actividades deportivas, de danza ou a exercitación da memoria, concentraron ao 32,44% dos participantes.

A distancia, se situaron os obradoiros de artesanía (un 21,18% do alumnado), os cursos de formación para o emprego (19,84%), actividades de ocio e tempo libre 813,44%) e cursos de idiomas (2,51%).

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tratou un total de 22 asuntos.
No apartado de Avogacía Consistorial (8), se deu conta de oito asuntos: un auto, un requirimento, dúas sentenzas e catro personamentos.

O auto, ditado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense, arquiva o recurso interposto por unha comunidade de veciños na Avenida de Bos Aires, contra a licenza de obra de adaptación e apertura dun restaurante no baixo do edificio.

O requirimento, realizado polo Xulgado de Instancia número 5, establece un prazo de dez días para o desaloxo dun local na rúa Concordia, sede da AA.VV. Limiar, e o pago á propietaria do alugueiro durante o tempo que a entidade se mantivo neste local tras a finalización do contrato e mentres se remataba o acondicionamento da súa nova sede.

A primeira das sentenzas, do Contencioso Administrativo número 1, estima o recurso dun funcionario e un recurso interposto polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

En canto aos personamentos o Concello foi emprazado no Contencioso Administrativo número 2 por un particular que solicita a demolición dun muro na Avenida de Marín; e por unha empresa contra a denegación da licenza de ocupación dun edificio de vivendas na confluencia entre as rúas Xoaquín Lorenzo e Cardenal Quevedo.

No Contencioso Administrativo número 1 foi emprazado no recurso dunha particular en contra da desestimación dunha indemnización en concepto de responsabilidade patrimonial e por unha empresa contra o acordo da Xunta de Goberno Local que declaraba a extinción da concesión da explotación da terraza no sur da Torre de Ourense.

En Licenzas. Concedeuse licenza de obra para instalar un ascensor; substituír outro; cambiar un ascensor e reformar un portal; remodelar unha vivenda e reformar as escaleiras doutra. Tamén corrixiuse un erro na identificación dunha finca en Vilar de Astrés e desestimouse o recurso dunha particular contra a caducidade e arquivo do proxecto de reforma dunha vivenda

No apartado de Aperturas, concedeuse licenza de obra para adaptar un local para café bar na Praza das Mercedes; para unha cafetería na Praza Saco e Arce; para un centro de masaxes na rúa das Burgas e para unha clínica dental na rúa Xoán de Novoa.

Planeamento Urbanístico aprobou iniciar os trámites para fixar unha indemnización por uns terreos en Seixalbo e Cudeiro, nos que o Concello instalou pistas deportivas a raíz dun convenio firmado no ano 1994.

Por último, en Patrimonio corrixiuse a redacción de dous acordos de responsabilidade patrimonial.

Deja un comentario