Xoves 15 de Novembro de 2018

O Coworking de San Cibrao mantén aberta a convocatoria para incorporar novos emprendedores da industria da madeira


A iniciativa con sede no CIS Madeira aposta pola promoción de novos proxectos empresariais innovadores neste sector
O espazo coworking impulsado conxuntamente pola consellería de Economía, Emprego e Industria e a EOI en San Cibrao das Viñas mantén aberta a convocatoria da segunda edición para os emprendedores ourensáns que desexen desenvolver un novo proxecto empresarial, especialmente nos ámbitos do sector forestal e da transformación da madeira.

Poderán participar neste espazo de emprendemento os promotores de ata 22 proxectos empresariais. A primeira edición deste espazo coworking especializado nun dos sectores estratéxicos para a economía galega rematou en abril e contou coa participación de 18 proxectos. Xunto co coworking do Salnés, focalizado no turismo e a agroalimentación, e o de Santiago, centrado nas industrias culturais, esta aceleradora ubicada no CIS Madeira, en San Cibrao das Viñas, é un dos espazos especializados nun ámbito sectorial.

A finalidade dos espazos coworking é facilitar o desenvolvemento de proxectos empresariais, neste caso no ámbito forestal-madeira, e a creación de emprego sobre o conxunto do territorio galego, incrementando as probabilidades de éxito das iniciativas impulsadas polos emprendedores. Poden participar nestes espazos de traballo en común persoas con ideas empresariais sen desenvolver, emprendedores con proxectos empresariais en fase temperá de desenvolvemento e emprendedores que crearan a súa empresa en datas recentes e precisen asesoramento para a fase inicial de consolidación e crecemento.

O coworking de San Cibrao forma parte dunha rede que en Galicia, grazas á colaboración da Xunta e a EOI, xa ten permitido consolidar máis de 300 proxectos promovidos por preto de 400 emprendedores galegos. Está agora en curso a terceira edición de coworkings de carácter transversal en Ferrol, Cabana de Bergantiños, Mondoñedo, Monforte e Celanova. Estas iniciativas contribúen a dinamizar a economía e emprego dos concellos máis pequenos, así como aproveitar os recursos de cada zona para crear novas oportunidades e fixar poboación.

Deja un comentario