Xoves 15 de Novembro de 2018

A Xunta avalía no padroado de Expourense novas vías para seguir potenciando a actividade feiral e deportiva do recinto


A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou na reunión na que se acordou estudar diferentes fórmulas de actuación e investimento para continuar dándolle pulo a esta infraestrutura
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou na reunión do padroado da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense), un encontro no que se acordou estudar diferentes vías de actuación e investimento para continuar dándolle pulo a esta infraestrutura.

Como xa se deixara constancia nun encontro mantido a semana pasada polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, co presidente do comité executivo de Expourense e alcalde da cidade, Jesús Vázquez, búscase promover a actividade feiral ao tempo que se favorece a multifuncionalidade do recinto. En concreto, e atentendo ás propostas realizadas desde a xerencia da Fundación, son ámbitos prioritarios para futuras actuacións a mellora da eficiencia enerxética e a modernización das instalacións.

Expourense é un referente dos recintos feirais galegos, contribuíndo a impulsar sectores estratéxicos para a provincia e para Galicia como o termalismo, a gastronomía ou a automoción. Durante o 2017, o recinto ourensán acolleu 11 feiras, dúas delas de carácter internacional, e 29 eventos, que atraeron 89.000 visitas e 940 expositores de 46 países.

A nova pista de atletismo cuberta instalada no recinto ourensán, na que a Secretaría Xeral para o Deporte investiu máis de 3 millóns de euros o pasado ano, sitúase entre as mellores de toda España, e permitirá que a cidade acolla competicións deportivas nacionais e internacionais. Esta instalación, xunto coa celebración do I Salón do Deporte e Turismo- Sportur Galicia, converten ao deporte nun sector estratéxico para Expourense.

Deja un comentario