Venres 07 de Agosto de 2020

A Comisión de Modernización, Participación Cidadá e Calidade da FEMP celébrase por segundo ano consecutivo en Ourense


O presidente da mesma e alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, explicou que esta reunión intermunicipal formada por alcaldes e/ou concelleiros de 23 municipios de España, acordou elevar á vindeira Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias o Reglamento tipo de Participación Cidadá

A Comisión de Modernización, Participación Cidadá e Calidade da FEMP celebrouse esta tarde, por segundo ano consecutivo, en Ourense. O pasado ano foi a primeira vez na historia da cidade na que se acolleu esta reunión intermunicipal formada por alcaldes e/ou concelleiros de 23 municipios de España.
O presidente da devandita comisión e alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, explicou que os participantes no encontro acordaron elevar á vindeira Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias o Reglamento tipo de Participación Cidadá. De feito, Jesús Vázquez quixo agradecer a vontade e xenerosidade dos técnicos redactores dese documento que servirá como ferramenta de guía para a FEMP.
Este reglamento será un documento clave para que os Concellos poidan dotar de instrumentos e ferramentas para mellorar a Participación Cidadá.
Jesús Vázquez agradeceu o traballo dos técnicos (procedentes de cidades coma Málaga, Castellón, Valencia, Alicante, Madrid e Alcobendas, entre outras) que redactaron este documento, clave para a boa gobernanza, e animou ao grupo de traballo a seguir profundizando nos documentos, guías e reglamentos sobre modernización administrativa e participación.
Este órgano da FEMP, cuxa vindeira reunión será en Málaga, está definido para “promover accións para que as entidades locais sexan administracións útiles, necesarias, competitivas, solventes, que dean solucións ás necesidades sociais e favorezan a participación cidadá”, segundo sinala o alcalde, Jesús Vázquez.
A Comisión de Modernización, Participación Cidadá e Calidade da FEMP busca o apoio e difusión das experiencias dos concellos membros, impulsar o banco de boas prácticas na adaptación das normas de xestión das institucións públicas, desenvolver convenios ou promover actividades de sensibilización e formación nas súas materias propias (modernización, participación cidadá e calidade). Ten como obxectivo principal difundir e promover os procesos de modernización, participación cidadá e calidade na Administración Local. Para iso desenvólvense accións de sensibilización, promoción, intercambio e formación da implantación de iniciativas modernizadoras, sistemas de participación e de xestión da calidade nas Administracións Locais, así como colaboración con centros de investigación, universidades, consultoras ou outras administracións, para desenvolver traballos de campo na aplicación e experimentación metodoloxías de modernización e calidade (experiencias piloto) e a súa posterior difusión ao resto de entidades locais.

Deja una respuesta