Martes 22 de Setembro de 2020

A Estación Intermodal recibe un novo impulso co levantamento das actas previas a ocupación urxente


A Concellería de Urbanismo acolleu dúas actuacións administrativas cos afectados pola ocupación dos terreos, para determinar a superficie afectada polas obras

A Estación Intermodal de Ourense ven de dar hoxe dous pasos importantes para a súa materialización tras o levantamento das actas previas á ocupación urxente dos bens e dereitos necesarios para a execución da estación de autobuses, a estación de ferrocarril e o aparcamento soterrado.

A Concellería de Urbanismo acolleu ao longo desta mañá dúas actuacións administrativas cos afectados pola ocupación dos terreos, para que manifestasen os aspectos que consideraran oportunos no expediente coma: bens a expropiar, superficies das parcelas ou dereitos existentes nos terreos afectados polo proxecto.

Ás 9:30 horas, Adif Alta Velocidad convocou un acto cos representantes dos propietarios dos terreos onde se construirá a estación de ferrocarril e o aparcamento soterrado: o Concello de Ourense, Renfe, Adif e a Dirección General de Carreteras, organismo dependente do Ministerio de Fomento.

A sociedade encargada da construción e xestión das liñas ferroviarias de alta velocidade en España e os propietarios departiron diferentes aspectos do expediente, antes de proceder ao levantamento da acta para a ocupación dos terreos.

Posteriormente tivo lugar unha segunda actuación administrativa, neste caso convocada polo Concello de Ourense para tratar os mesmos aspectos, pero neste caso relativos aos terreos que ocupará a futura estación de autobuses.

Os convocados neste segundo acto administrativo foron o Concello como expropiante, e coma expropiados : Adif Alta Velocidad, Adif convencional, Coren (que non asistiu), Distribuciones Froiz e Tendens Spain S.L.

Nesta segunda actuación, o Concello é o encargado de realizar as expropiacións, tal e como determina a Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese. A normativa establece que o Concello é a administración responsable de xestionar a expropiación e da transferencia posterior da titularidade dos terreos ao órgano promotor.

O levantamento das actas previas é o paso previo necesario para o depósito das compensacións pola expropiación; e para a súa ocupación e posta en marcha das obras.

Deja una respuesta