Venres 20 de Xullo de 2018

A Xunta estudará novas iniciativas a petición do concello ourensán para continuar a impulsar a multifuncionalidade de Expourense


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, mantiveron un encontro co presidente do comité executivo de Expourense e alcalde ourensán, Jesús Vázquez, no que se comprometeron a analizar vías de colaboración para mellorar esta infraestrutura
 O obxectivo é promover a actividade feiral ao tempo que se favorece o desenvolvemento de actividades deportivas
 Expourense acolleu o ano pasado 11 feiras internacionais e 29 eventos que atraeron 89.000 visitas e 940 expositores de 46 países
 A instalación da pista de atletismo cuberta e a celebración do I Salón do Deporte e Turismo Activo converten ao deporte nun sector estratéxico para o recinto feiral

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, xunto coa directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, mantiveron hoxe en San Caetano un encontro co presidente do Comité Executivo de Expourense e alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, no que abordaron diferentes vías de traballo conxunto para continuar a impulsar o tecido económico e os equipamentos deportivos da cidade.

Entre outros asuntos, no encontro salientouse o importante papel que xoga a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense) na dinamización empresarial e social do municipio ourensán. Atendendo a petición realizada por Jesús Vázquez, a Xunta comprometeuse a estudar novas iniciativas para continuar a mellorar esta importante infraestrutura. O obxectivo é, segundo se destacou na reunión, promover a actividade feiral ao tempo que se favorece a multifuncionalidade do recinto.

A través da organización de citas únicas, Expourense consolídase ano tras ano como unha plataforma que fomenta a competividade das empresas galegas e impulsa a internacionalización en sectores estratéxicos como o termalismo, a enogastronomía ou a automoción. Así, durante o 2017, Expourense celebrou 11 feiras, dúas delas de carácter internacional, e 29 eventos, que atraeron 89.000 visitas e 940 expositores de 46 países.

A instalación da nova pista de atletismo cuberta e a celebración do I Salón do Deporte e Turismo- Sportur Galicia converten ao deporte nun sector estratéxico para a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense. A pista instalada no recinto ourensán, que se sitúa entre as mellores de toda España, permitirá que a cidade acolla competicións deportivas nacionais e internacionais e garantindo unha maior ocupación do recinto nos meses de inverno.

Deja un comentario