Sábado 26 de Setembro de 2020

A Escola municipal de teatro estrea as montaxes preparadas polos seus grupos de persoas adultas e escolares


Cinco actuacións permitirán amosar o traballo realizado polos actores e as actrices da escola do Concello

A Escola Municipal de Teatro do Concello de Ourense pón o colofón ao seu curso 2017/2018, coas estreas das obras preparadas polos diferentes grupos de alumnos e alumnas, de todas as idades, que aprenden arte dramática no centro municipal. O salón de actos da escola sita na rúa da Canle acollerá 2 representacións esta semana e outras 3 na semana seguinte, na que os grupos de escolares e persoas adultas amosarán o seu bo facer.

Concretamente, o martes, 19 de xuño, ás 20:00 horas, o grupo Escolar 2A representará a obra “El secreto del convento”, e o venres 22, á mesma hora, Iniciación de Adultos escenificará “Ramón”, obra orixinal de Sergi Bebel,

Na ultima semana do mes serán as 3 últimas representacións, sempre ás 20,00 horas. O martes, 26: “Unha rosa é unha rosa”, do grupo de Montaxe de adultos, o 27 “El secreto del convento”, que esta vez será representada polo grupo Escolar 2B, e o venres, 29 de xuño, “El jardín de los cerezos”, por parte do grupo escolar 3.

O programa de estreas de fin de curso 2017/18 comezou o día 31 de maio, cando o grupo Infantil 1 levou ao escenario da escola de teatro a obra “A princesa mimada”, e o grupo Escolar 1 fixo o propio con “Todo comienza con hola”, continuando o 1 de xuño, coa obra “La Maga y la princesa”, do grupo Infantil B.

Escola Municipal de Teatro

A escola de teatro imparte cursos de iniciación, perfeccionamento, e montaxe, para adultos, e iniciación ao teatro de 4 a 7 anos, de 7 a 11 anos ,de 11 a 14 anos e 14 a 18 anos, para público infantil.

O obxectivo principal é achegar o alumnado ao mundo teatral e á experimentación das artes escénicas mediante traballos prácticos en distintas materias, descubrir o teatro como xogo e como arte, aprender a comunicarse con soltura e desenvolver a creatividade a imaxinación e a memoria e de inculcar aos nenos e nenas, o gusto polo teatro pero sen deixar de pasalo ben.

Deja una respuesta