Xoves 15 de Novembro de 2018

A Xunta destaca en Ourense o papel da formación no impulso ao emprendemento e a innovación no sector comercial


A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou os diplomas dun curso desenvolto en en colaboración coa Fundación Incyde que permitiu a 26 mozos desempregados formarse en márketing dixital e emprendemento
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, salientou en Ourense a importancia da formación especializada como unha ferramenta fundamental para impulsar o emprendemento, o relevo xeracional e a innovación no sector comercial galego.

Vázquez Abeal entregou os diplomas do curso desenvolto pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Fundación Incyde que permitiu formarse en márketing dixital e emprendemento a 26 mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego.

Ao abeiro desta iniciativa, dirixida a persoas inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil, desenvólvense actuacións de formación individualizada nas que se orienta a cada participante en función do seu perfil profesional e da actividade de cada proxecto empresarial, ademais das sesións conxuntas de formación. Varios dos participantes emprenderán a curto prazo proxectos empresariais nos que aplicarán os coñecementos adquiridos, en ámbitos como a hostelería, as actividades deportivas ou a organización de eventos.

A iniciativa forma parte dos acordos de colaboración en materia de formación no eido comercial nos que a Xunta coopera coa Fundación Incyde, que contan cun orzamento conxunto de 300.000 euros e que inclúen tamén accións destinadas á creación e diagnose de plans de acción para a mellora da competitividade do sector.

Deja un comentario