Martes 17 de Xullo de 2018

O certame escolar ‘Consumópolis’ premia os mellores traballos sobre publicidade e consumo responsable


A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, entregaron hoxe os galardóns desta iniciativa impulsada pola Xunta no que participaron 700 alumnos de toda Galicia
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, xunto coa presidenta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, Rosa Celia Otero, entregaron hoxe os premios da fase autonómica do certame escolar de consumo responsable Consumópolis. Nesta decimoterceira edición, organizada pola Xunta baixo o lema Na publicidade: todo vale?, participaron un total de 700 alumnos e alumnas de toda Galicia, que tiveron que deseñar, elaborar e presentar un traballo conxunto sobre consumo responsable en relación coa publicidade dun produto ou servizo concreto.

O alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria (Categoría A) tivo que publicitar algún dos seguintes produtos: un xoguete, unha bicicleta, un monopatín ou patinete, roupa e/ou calzado de deporte. O alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria (Categoría B) debía publicitar un alimento saudable, un produto de comercio xusto, un videoxogo ou un smartphone ou tableta electrónica; mentres que o traballo do alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria (Categoría C), podía ter por obxecto unha viaxe, un concerto ou evento musical, unha tarifa de telefonía móbil, un smartphone ou tableta electrónica.

O alumnado participante reflexionou así sobre os distintos elementos que inciden na linguaxe publicitaria ao tempo que elaboraron a súa propia mensaxe publicitaria constitutiva de boa práctica. Deste xeito, tomaron conciencia sobre o que está permitido e non permitido na publicidade e sobre o que constitúe publicidade ilícita.

Na fase autonómica de Consumópolis, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os 3 mellores traballos en cada tramo de idade, dotados con 1.000 euros os primeiros premios, 600 euros os segundos e 300 euros os terceiros.

Centros premiados
Na categoría correspondente a 5º e 6º curso de primaria clasificáronse en primeiro lugar os alumnos do CEIP de Lourido, na localidade de Poio (Pontevedra); e en segundo lugar un equipo do CPR Plurilingüe Abrente, en Sanxenxo (Pontevedra); mentres que o terceiro premio foi de novo para un equipo do CEIP de Lourido.

No tocante á categoría de 1º e 2º curso de ESO, o primeiro premio recaeu no IES As Barxas de Moaña, na provincia de Pontevedra; o segundo premio no IES Isidro Parga Pondal, de Carballo, na Coruña, e o terceiro premio foi de novo para un equipo do IES As Barxas de Moaña.

Na categoría de 3º e 4º de ESO o primeiro e o segundo premio recaeron en dous equipos do IES O Couto, de Ourense, mentres que o terceiro premio foi para un equipo do IES As Barxas de Moaña.

Os primeiros clasificados de cada categoría representarán a Galicia na fase nacional de Consumópolis, organizada pola Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN), competindo con traballos presentados por alumnado do resto das Comunidades Autónomas.

Deja un comentario