Domingo 21 de Outubro de 2018

Indomable, Tachenko ou os ourensáns De Vuelta e The Panthom Dragters, entre as propostas destas Festas para os concertos da Praza do Ferro e de San Martiño


Os concertos na Praza de San Martiño serán todos as 20:00 horas, mentres que os da Praza do Ferro serán as 21:00 horas

O rock, o jazz, a música indie ou a psicodelia serán algunhas das propostas programadas este ano polo Concello na Praza de San Martiño e na Praza do Ferro, con motivo das Festas de Ourense. Os escenarios instalados no corazón do Casco Vello acollerán un total de once actuacións, entre as que destacan nomes como os do músico Indomable, o grupo Tachenko ou os ourensáns De vuelta e The Phantom Dragters.

O primeiro destes concertos correrá a cargo do artista Indomable. Será na Praza de San Martiño o luns 25 de xuño ás 20:00 horas. O músico chega a Ourense despois de máis de 100 concertos e tras ser teloneiro de artistas coma Iván Ferreiro, Ángles Stanich ou Xoel López.

Un día máis tarde, o martes ás 20:00 horas a Praza de San Martiño acollerá o concerto da pianista María Mendoza, que presentará as súas composicións inspiradas en temas galegos.

O mércores 27 de xuño, ás 20:00 horas, será a quenda da francesa afincada en Galicia Camille Hédoun, que leva desde os 15 anos participando en bandas de jazz, electrónica e folk.

Unha hora máis tarde, a Praza de San Martiño acollerá a actuación do grupo “Los Bengala”. Guillermo Sinnerman coa súa guitarra, Borja Téllez á batería, conforma un dos proxectos de rock and roll máis excitantes do momento.

O xoves, 28 de xuño a Praza de San Martiño acollerá (20:00 horas) o concerto de Tachenko, mellor grupo nos premios da música Aragoneses e premio “Artes y Letras” concedido polo Heraldo de Aragón na súa última edición. Con seis albums e numerosos EP na súa discografía, conseguiron converterse nun clásico do pop cantado en español.

Ese mesmo día a Praza do Ferro (21:00 horas) recibe aos ourensáns The Phantom Dragters. A formación, composta de guitarra (Diego Stringbreaker), baixo (David Lone Crusher) e batería (Marcos Speedfire), ofrecerá un concerto de aires surfeiros.

O venres, 29 de xuño, o compositor e guitarrista ourensán, Luis Fernández Delgado, De Vuelta, presentará o seu novo disco “A Tono” na Praza de San Martiño, ás 20:00 horas.

Na Praza do Ferro (21:00 horas) a música correrá a cargo de Aries, unha cantautora bilbaína autora dun pop alegre e hipnótico.

O sábado, 30 de xuño, Menage a Trois presenta na Praza de San Martiño (20:00 horas) o seu disco “Los amigos de lo ajeno”. Tras o éxito colleitado polo seu primeiro EP “Migajas”, agora lánzanse cun disco en directo, no que versionan temas de artistas tan variados como: Muchachito, Extremoduro, Fito, Sonámbulo ou Peret.

Ese mesmo día a Praza do Ferro (21:00 horas) acollerá un concerto de “electro-cumbia” a cargo do dúo galego Esteban e Manuel. O seu estilo bebe a partes iguais de ritmos latinos e tropicais, a orquestra de festa patronal e o marcado carácter que lle imprime o omnipresente efecto auto-tune nas voces.

As actuacións na Praza de San Martiño péchanse o domingo 1 de xullo, as 20:00 horas, co “Concerto Punkinfantil”, a cargo de Peter Punk e Brais das Hortas.

XX Edición do Ourense Dance

Por outra banda, a Concellería de Cultura vén de confirmar que o venres, 29 de xuño, terá lugar a XX Edición do Ourense Dance, que este ano ten como eslogan “Non ao acoso escolar, non ao bullyng”. É unha iniciativa que organiza Cadena 100 e que conta coa colaboración da Asociación Xuvenil Amencer. A partires das 23,00 horas o Xardín do Posío acollerá diversas actuacións de Djs.

Este ano o evento ofrece ós seus asistentes a posibilidade de colaborar con Amencer nunha campaña a favor da alimentación infantil de nenos sen recursos, a través da doazón voluntaria de potitos, leite para bebés, iogures ou papillas.

Deja un comentario