Domingo 23 de Setembro de 2018

O artista Pablo Otero retoma, no Museo Municipal, a obra ‘Colpo di Fulmine’ con outra intervención pictórica sobre a fachada


Tal e como fixera no centro cultural Ángel Valente, realizará unha obra mural de tipo efémero con xiz escolar sobre a fachada do edificio da rúa Lepanto. Estará pintando de 9:00 a 20:00 horas

 

A fachada do Museo Municipal cubrirase, como ocorrera co Centro Cultural José Ángel Valente, dunha intervención pictórica efémera e de carácter reversible. O traballo, a cargo do artista visual Pablo Otero, levarase a cabo de 9:00 a 20:00 horas como preludio da segunda parte da súa exposición Colpo di Fulmine logo do seu paso pola sala Valente.

Será, unha vez máis, unha obra mural de tipo efémero realizada exclusivamente con xiz escolar. Trátase dun material ideal que non dana a superficie da fachada e que pódese eliminar de xeito sinxelo con auga limpa e un cepillo brando. Esta innovadora intervención plástica, a modo de elemento dinamizador e de visibilización deste espazo expositivo municipal, acompañará á mostra expositiva Colpo di fulmine até o mes de setembro con materiais xa vistos na sala Valente pero con novas incorporacións.

O proxecto de Pablo Otero fora ideado na súa orixe para estar en ambos espazos expositivos do Concello de Ourense divididos no tempo: de maio á primeira quincena de xuño na sala Valente, e desde o 14 de xuño até o mes de setembro, no Museo Municipal.

A inauguración da nova exposición será este xoves ás 20:00 horas.

Deja un comentario