Venres 19 de Outubro de 2018

A Deputación de Ourense destina dous millóns de euros a obras e servizos en 33 concellos


Manuel Baltar asinou hoxe 48 convenios de colaboración con alcaldes de diferentes municipios da provincia para levar a cabo obras de melloras viarias, saneamento, alumeado público, abastecemento, dotación de servizos e diferentes infraestruturas no rural ourensá

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe con alcaldes de 33 concellos 48 convenios de colaboración entre a institución provincial e municipios da provincia de Ourense para levar a cabo obras de melloras viarias, saneamento, alumeado público, abastecemento, dotación de servizos e diferentes infraestruturas no rural ourensá, por importe de máis de dous millóns de euros (2.045.305 €).

No acto, que tivo lugar no centro cultural “Marcos Valcárcel”, o presidente do goberno provincial agradeceu aos alcaldes presentes no acto “o labor que realizan nos concellos, o seu traballo e compromiso representando aos seus veciños”, e destacou que a Deputación de Ourense, “está atenta ás reivindicacións das corporacións locais da provincia, e é a única administración que inviste en todos os concellos”.

Manuel Baltar repasou as iniciativas de colaboración que leva a cabo a Deputación de Ourense cos concellos, entre as que citou o Plan Provincial de Obras, o Plan de apoio a actividades relacionadas coa Mocidade, o Plan de Empregabilidade e outras accións que figuran no plan de mandato “Ourense 15-19. A sinatura destes convenios amosa “o compromiso da Deputación de Ourense, unha aliada dos concellos”, dixo Baltar, anunciando que o vindeiro 28 de setembro “aprobaremos o orzamentos da Deputación de Ourense para o ano 2019 coas achegas que nos fagan chegar, pensando sempre en clave de provincia e nos veciños”.

Os concellos asinantes destes acordos son: A Peroxa, A Bola, A Mezquita, Arnoia, Baltar, Cartelle, Celanova, Chandrexa de Queixa, Gomesende, Laza, Lobeira, Maceda, Melón, Montederramo, Monterrei, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Padrenda, Petín, Piñor, Pobra de Trives, Rairiz de Veiga, Ramirás, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sarreaus, Toén, Verea, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Santos e Vilardevós.

Os importes que achega a Deputación de Ourense nestes convenios van desde os 18.700 euros ata os 48.000 euros (cantidade esta que teñen máis da metade dos convenios), referíndose un 48 % das actuacións a melloras en vías, camiños, beirarrúas e prazas; un 25 %, a obras de saneamento e abastecemento; un 20 % a obras de mellora de servizos (parques, piscinas municipais, locais sociais, aparcadoiros e fontes); un 6 %, a obras de alumeado público, e os restantes, a outras actuacións para obras de acondicionamento doutros espazos públicos.

No pleno do pasado mes de abril, a corporación provincial aprobou o expediente nº 1/2018 para a modificación de créditos nos orzamentos da Deputación de Ourense co obxectivo de destinar preto de 15 millóns de euros para a cooperación con concellos e entidades e para a amortización de préstamo, dando así un paso contundente cara a “débeda cero” que a institución provincial acadará en maio de 2019. No marco dese expediente figuran, entre outros, os convenios de cooperación hoxe asinados polo presidente da Deputación cos alcaldes dos concellos referidos.

Deja un comentario