Domingo 19 de Agosto de 2018

O conselleiro de Educación e o alcalde de Ourense reciben os alumnos gañadores do Stockholm Junior Water Prize


Os estudantes gañaron a final nacional do certame e participarán na final mundial o vindeiro mes de agosto
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, e a delegada da Xunta na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiron esta mañá aos dous alumnos ourensáns gañadores do certame nacional do Stockholm Junior Water Prize, impulsado en España por Viaqua, Fundación Aquae e Escuela del Agua. Miguel Aragón Fernández e Miguel Sequeiros Doval, estudantes do Colexio Marista Santa María, acompañados da súa titora, Lydia Castro Núñez, acadaron o galardón tras realizar unha defensa oral da súa investigación, sobre a degradación das toallas húmidas. O equipo participará, así mesmo, na final internacional do concurso.

Román Rodríguez e Jesús Vázquez felicitaron aos rapaces polo seu traballo, no que toman como referencia as investigacións das universidades de Cantabria e Cambridge, nas que se demostra que o verme da mel, Galleria mellonella, degrada de forma natural o polietileno ao inxerilo. Os rapaces, a maiores, demostraron co seu traballo que o verme tamén pode descompoñer os compostos derivados do polietileno, presentes na toallas húmidas hixiénicas, e que é quen de facelo sen xerar produtos contaminantes.

O conselleiro gabou o interese, tanto de alumnos como de docentes, por desenvolver proxectos deste tipo, demostrando que no ensino galego se están a promover valores como o respecto ao medio ambiente. Así mesmo, destacou que o éxito dos estudantes ourensáns neste certame é proba da calidade das ensinanzas que se imparten nos centros educativos de Galicia, xa avaladas por informes como o PISA. Non en balde, no último estudo publicado Galicia rexistrou 512 puntos na competencia científica 19 puntos por riba de España e da OCDE, ao mesmo nivel de países que se caracterizan por un importante desenvolvemento tecnolóxico como Alemaña, Australia, Países Baixos, Reino Unido, Corea do Sur e Suíza.

Cómpre salientar, ademais, que na final nacional do certame tamén participou outro equipo galego, de estudantes do Colexio Plurilingüe Alborada (Vigo), cun proxecto de deseño dun invernadoiro con autorrego de auga de mar.

Final internacional
A final internacional do Stockholm Junior Water Prize, considerado o premio Nobel da auga, celebrarase en Estocolmo do 26 ao 31 de agosto, coincidindo coa Semana Mundial da Auga. Un xurado de expertos internacionais entrevistará aos finalistas de cada país e decidirá o proxecto gañador. En total participan a nivel internacional neste certame máis de 10.000 proxectos de 30 países diferentes.

Ademais, todos os finalistas están convidados a unirse a WaterTank, unha rede internacional de networking en torno á auga na que poden compartir os seus proxectos con expertos de organizacións como o Instituto Internacional del Ausa de Estocolmo (SIWI), organizador do certame, entre outras.

O Stockholm Junior Water Prize creouse en 1997 para premiar as ideas relacionadas coa mellora da calidade da auga, a xestión dos recursos hídricos e a protección deste recurso, impulsando a investigación en torno a estes retos entre a mocidade.

Deja un comentario