Sábado 18 de Agosto de 2018

O Campamento “Explora Ourense” 2018 pon en valor a riqueza natural da Baixa Limia


A Deputación de Ourense organiza este programa, dirixido a nenos de 9 a 14 anos, que se desenvolverá do 1 ao 12 de agosto no complexo turístico do Corgo, en Muíños

O Campamento da Ourensanía “Explora Ourense”, que organiza a Deputación de Ourense coa colaboración do concello de Muíños e Sustinea, volve unha edición máis a descubrir a riqueza natural da provincia a nenos ourensáns de entre 9 e 14 anos, desenvolvendo un amplo programa de actividades lúdicas e educativas que teñen como elemento común a natureza da Baixa Limia. Será do 1 ao 12 de agosto no complexo turístico do Corgo, en Muíños, e o seu obxectivo, como destacou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, “é exaltar a riqueza do noso medio natural a favorecer a concienciación medioambiental entre os máis novos, promovendo actividades en contacto directo coa natureza”.

O presidente do goberno provincial estivo acompañado na presentación polo alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, e por Paulo Vázquez, representante de Sustinea, entidade que coordina as actividades. Baltar remarcou o éxito que acada en cada edición esta iniciativa lúdica e medioambiental, que destaca pola educación en valores: tolerancia, igualdade, ourensanía, e a defensa e protección do potencial paisaxístico da provincia de Ourense”.

Os campamentos están destinados a 50 rapaces da provincia de entre 9 e 14 anos e desenvolveranse en dúas quendas entre o 1 e o 12 de agosto. “É unha excelente oportunidade para seguir descubrindo a beleza da Baixa Limia, que nos últimos tempos está a dar importantes pasos a través da cooperación dos seus municipios na súa oferta turística e cultural”, sinalou Manuel Baltar.

Pola súa parte, Paulo Vázquez explicou que a primeira quenda do campamento terá lugar do 1 ao 6 de agosto para os nenos de entre 12 e 14 anos, e a segunda quenda para nenos de 9 a 11 anos será do día 7 ao 12 de agosto. “Os interesados en participar poderán inscribirse a través da páxina web www.exploraourense.com a partir de mañá martes e ata o 19 de xuño, por un custe de 88 euros. O 26 de xuño celebrarase o sorteo que determinará as prazas do campamento”, dixo o coordinador de Sustinea.

Este proxecto lúdico e educativo inclúe na súa programación actividades vencelladas co deporte e a natureza, como roteiros náuticos e polo parque natural do Xurés, obradoiros e xogos, e tamén ofrece aos nenos a experiencia de pasar unha noite baixo o manto das estrelas. Plácido Álvarez agradeceu á Deputación de Ourense “o seu apoio para que Muíños e a Baixa Limia sigan a ser referentes en canto a actividades de natureza e medio ambiente con iniciativas como esta, que contribúe a facer provincia”.

Deja un comentario