Xoves 13 de Decembro de 2018

Ourense en Común pide a dimisión de Belén Iglesias como concelleira de Cultura


A incertidume da celebración do OUFF súmase a unha longa lista de agravios dunha concelleira “tóxica e déspota” para a cultura

Ourense en Común levará ao próximo pleno a petición de dimisión de Belén Iglesias como responsable das áreas de Educación e Cultura no Concello, pola “agresión sistemática” á cultura da cidade, derivado da súa “total incapacidade” para dirixir unha concellería que “lle vén moi grande”.

O grupo entende que a posta en dúbida da celebración da 23ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense -OUFF-, supón “un punto de non retorno” que se suma ás “innumerables mostras do desleixo” en materia de xestión cultural que se veñen sucedendo con Belén Iglesias á fronte desta concellería.

Lembran a incertidume de que haxa cartel das festas -que “pode quedar deserto” en palabras do propio equipo de goberno-, o plaxio no dos maios, o veto aos libreiros no Día das Letras Galegas, a perda da Banda Municipal de Música, o abandono do tecido asociativo cultural, os retrasos na convocatoria de axudas, a imposición de taxas a entidades culturais, ou a falta de espazos de difusión, e engaden a “inescusable mostra de indolencia e desidia” que Belén Iglesias mostra perante o Consello Municipal de Cultura, órgano no que se preguntou en repetidas ocasións sobre o futuro do festival de cine, e cuxa convocatoria foi dilatada no tempo “para non dar respostas”.

Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, explica que a concelleira “busca constantemente escusas” na Lei para tratar de “agochar a súa nefasta xestión dos tempos”, e envíalle unha mensaxe: “se ten un mínimo de estima pola cultura, o mellor é que admita a súa incapacidade, e cese das súas funcións”.

Deja un comentario