Domingo 23 de Setembro de 2018

Conde destaca o apoio ao emprendemento innovador da aceleradora Galicia Open Future para avanzar cara a industria 4.0


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro cos dous primeiros gañadores da cuarta edición desta iniciativa, a viguesa Deicom e Conexiona, con sede en San Cibrao das Viñas, que traballarán nos retos plantexados por Nueva Pescanova e Finsa
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou o apoio ao emprendemento innovador da aceleradora Galicia Open Future, impulsada por Telefónica e a Xunta, como clave para avanzar cara a Industria 4.0. Déronse a coñecer os gañadores dos dous primeiros retos presentados nesta cuarta edición. Trátase da viguesa Deicom Technologies, para o reto de Nueva Pescanova, e de Conexiona (iPlace), con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas) para o reto de Finsa.

O anuncio produciuse nun encontro no que, ademais do conselleiro, participaron o director xeral do Territorio Norte de Telefónica, Javier Zorrilla; o conselleiro delegado de Finsa, José Carballo; e o director de Acuicultura de Nueva Pescanova, Rafael Prieto; xunto a responsables de Conexiona e Deicom Technologies.

No caso do reto proposto por Finsa, Conexiona achega unha solución para xestionar e actuar sobre os elementos de sensórica de taboleiros e outros produtos de madeira instalados no fogar. Pola súa banda, Deicom Technologies, que xa participou na primeira edición de Galicia Open Future, persegue no reto de Nueva Pescanova dispoñer dun modelo de análise preditiva para coñecer o comportamento do lagostino criado en piscifactorías e facer máis eficiente a súa cría.

En total presentáronse 23 empresas, pemes, startups ou organizacións por cada un dos dous retos lanzados no pasado mes de febreiro. Aparte dos gañadores, elixíronse tres finalistas por cada un dos retos. No de Nueva Pescanova resultaron escollidos a alianza entre Biostatech e Torus, Gradiant e Gamco. No caso do reto de Finsa, Deicom, Itelsis e Vizibles.

Os gañadores de Galicia Open Future terán unha axuda da Axencia Galega de Innovación (GAIN) de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto e 10.000 euros en concepto de patrocinio. Poderán acceder ademais a un préstamo participativo de XesGalicia de ata un máximo de 100.000 euros. No caso dos finalistas, contarán cun patrocinio por parte de GAIN de 10.000 euros, e un préstamo participativo por parte de XesGalicia de ata 50.000 euros. Ademais, seleccionarase un proxecto de entre os finalistas (excluído o gañador do reto) que poderá recibir unha axuda adicional de ata 10.000 euros achegada por Amtega.

No encontro celebrado en San Caetano, o titular de Economía, Emprego e Industria apuntou que a participación das empresas nesta aceleradora demostra o compromiso do tecido empresarial galego coa Industria 4.0 e coa innovación. Neste eido, vénse de activar o Plan Galicia Innova 2020, que mobilizará 1775 millóns co obxectivo de conectar a industria co ecosistema de innovación galego que reside nas universidades, nos centros tecnolóxicos e nos organismos de investigación.

Galicia Open Future forma parte da rede de aceleradoras que desenvolve a Xunta entre as que se encontran Agrobiotech en Lugo e Ourense, centrada nos sectores agroalimentario, forestal e a biomasa; a Business Factory Auto, con PSA, en Vigo; o programa Connecting for good Galicia, en Santiago, coa colaboración de Vodafone; ViaGalicia, en Vigo e Lugo, que conta co apoio de Zona Franca; a primeira incubadora de fármacos de España, que promoven desde Santiago a Fundación Kaertor e a multinacional Janssen; ou as 6 aceleradoras centradas en proxectos de I+D+i apoiadas desde o ámbito privado.

Deja un comentario