Domingo 09 de Decembro de 2018

Máis de 500 ciclistas participarán na Merca na 9ª edición da proba deportiva “Parroira-Bike”


A Deputación de Ourense colabora con este evento que terá lugar o domingo 10 de xuño cun percorrido de 50 quilómetros

O municipio da Merca prepárase para acoller a novena edición da proba ciclista “Parroira-Bike”, que terá lugar o domingo 10 de xuño e na que a organización espera unha participación superior aos 500 ciclistas, cun percorrido técnico e de dificultade alta de 50 quilómetros por camiños da Merca e de concellos limítrofes. A presentación tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes da Merca, José Manuel Taín; o presidente e membros da Agrupación Ciclista Doureiros, Alberto Taín, José Ribo, Juan Luis González e Antonio Gago.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba deportiva “que aglutina deporte e natureza e que supón unha gran oportunidade para dar a coñecer o noso patrimonio natural e contribuír á dinamización dos nosos territorios a nivel paisaxístico, deportivo e natural”, sinalou Rosendo Fernández, quen destacou o interese que suscita esta proba, “que en tan só 8 horas contaba con máis de 100 inscritos, e espérase superar os 500, sendo a proba máis numerosa destas características na provincia”.

Os interesados en participar poden inscribirse, por un custe de 17 euros, na páxina www.prueba-t.es, ata o día 4 de xuño. O presidente da Agrupación Ciclista Doureiros salientou que co trazado da ruta “tentamos aproveitar os recursos naturais da zona, así como recuperar o patrimonio histórico destes camiños con actividades deportivas”, mentres que José Ribo dixo que esperan “chegar aos 500 inscritos e superalos na décima edición”. Pola súa parte, o concelleiro de Deportes agradeceu á Agrupación Ciclista Doureiros por “volver escoller o noso municipio para desenvolver esta proba, porque falar de “Parroira-Bike” é falar da Merca”.

Deja un comentario