Xoves 09 de Xullo de 2020

O Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” participou na Semana de Galicia en Quimper


O Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” da Deputación de Ourense vén de participar na Semana de Galicia que se desenvolveu estes días pasados na vila de Quimper, na bretaña francesa, a raíz da proposta realizada polo Comité de irmanamento Ourense-Quimper, entidade que en colaboración coa súa homóloga francesa promove os intercambios culturais entre os dous territorios.

A delegación enviada desde o CCP Xaquín Lorenzo levou a Quimper un programa de actividades centrado en poñer en valor o patrimonio etnográfico, cultural e turístico da provincia de Ourense, así como en dar a coñecer o traballo que realiza este centro da Deputación de Ourense na recuperación, conservación e difusión da cultura popular e tradicional do noso país. Mediante a organización de exposicións sobre o traxe tradicional galego, o entroido na provincia de Ourense, a romaría etnográfica Raigame, os xogos tradicionais galegos, a revista Raigame, vídeos promocionais da provincia, conferencias e obradoiros de xogos tradicionais e de música e baile, o público participante recibiu unha visión do Ourense tradicional e cultural.

Nestas actividades participaron os centros educativos da vila de Quimper, cuxos alumnos e profesores visitaron as exposicións e os obradoiros de xogos populares. Polas tardes, os socios do centro “Les Abeilles”, estudantes de español e veciños de Quimper, asistiron ás actividades programadas para difundir a cultura etnográfica da provincia de Ourense. Nestas xornadas de intercambio cultural, a delegación do CCP Xaquín Lorenzo foi recibida polo alcalde de Quimper e participou na festa de confraternización que clausurou as actividades, na que a gastronomía, a música e o baile foron os protagonistas, pechándose a xornada cunha queimada e a lectura do conxuro traducido á lingua bretona.

Deja una respuesta