Venres 19 de Outubro de 2018

Recepción de Manuel Baltar ao equipo Carnes do Ribeiro, de Ribadavia, polo seu ascenso á 1ª división nacional de balonmán


O presidente da Deputación destacou no acto “o traballo realizado por este equipo, orgullo da provincia, para acadar este éxito”, “nun concello, Ribadavia, que merece este recoñecemento deportivo porque é unha parte fundamental da nosa provincia, unha das nosas grandes vilas”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao equipo Carnes do Ribeiro, de Ribadavia, polo seu ascenso á Primeira división do balonmán español, un fito histórico que coloca a este club deportivo no máis destacado deste deporte no ámbito nacional. No acto, celebrado, no salón de plenos da Deputación de Ourense, o presidente provincial destacou “o traballo realizado por este equipo, orgullo da provincia, para acadar este éxito, tanto desde o punto de vista de técnica, a estratexia e a condición deportiva, pero por riba de todo, da paixón e do sacrificio dun club cunha grande traxectoria, que vén de acadar o merecido premio ao labor desenvolvido ao longo de toda a tempada”.

Manuel Baltar salientou que Ribadavia merece este importante recoñecemento deportivo “porque é unha parte fundamental da nosa provincia, unha das nosas grandes vilas, e agora, ademais dos temas termais, patrimoniais e de viticultura polos que destaca, ten un atractivo máis que é poder gozar do balonmán de máis alto nivel, por iso, parabéns aos xogadores, ao corpo técnico e á directiva do club”.

O presidente do goberno provincial fixo entrega no acto da figura do afiador “emblema da provincia de Ourense, que representa ao noso pobo: creativo, traballador e emigrante, como tamén o sodes vós coa vosa creatividade para planificar xogadas, traballando coa máxima entrega e levando aló por onde ides, e co máximo orgullo, os nomes de Ribadavia e de Ourense”. O acto contou, asemade, coa presenza do asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González, e de xogadores, corpo técnico e directivos de Carnes do Ribeiro, quen agradeceron “o apoio da Deputación de Ourense ao noso club e ao que representa para o balonmán en Ribadavia”, dixo o presidente da entidade, Iván Reinaldo.

Deja un comentario