Martes 20 de Novembro de 2018

A Concellería de Asuntos Sociais pon en marcha o programa ‘Psicoemprende’ para reforzar a inclusión sociolaboral dos colectivos en risco de exclusión


Perceptores da Risga e outras axuda para a inserción, persoas sen teito, mocidade “nini”, maiores con baixa cualificación, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas con problemas mentais, menores con casos de absentismo escolar… os beneficiarios deste proxecto piloto

A Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, co co-financiamento da Consellería de Política Social, vén de poñer en marcha o proxecto Psicoemprende para reforzar as competencias laborais, as habilidades sociais e o desenvolvemento persoal dos colectivos con maiores dificultades de integración: perceptores da Risga e outras axuda para a inserción, persoas sen teito, mozos “nini”, maiores con baixa cualificación, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas con problemas mentais, menores con casos de absentismo escolar, etc. En total, en torno a 400 e 450 persoas na nosa cidade serán os usuarios iniciais do programa, segundo estimacións da área que dirixe Sofía Godoy.
Este programa piloto terá unha vixencia de dous anos, e será desenvolvido por unha psicóloga con ampla experiencia en inclusión social, así como polo equipo de Inclusión Social e as traballadoras sociais e educadoras de familia das UNIS. A metodoloxía empregada será a do coaching, aplicando os diferentes tipos (coaching ontolóxico, transformacional, con PNL .programación neurolingüística-, sistémico ou de atracción) dependendo dos diferentes grupos de traballo e das diferentes metas e obxectivos que se queiran acadar.
Mocidade e poboación adulta desempregada
Á hora de levar a cabo o proxecto, realizaranse diferentes actividades en función dos dous grandes públicos obxectivos segregados pola súa idade. Así, os obradoiros do Psicoemprende coa mocidade desempregada, de catro meses de duración en grupos de 30 persoas, serán: Picasso, para a toma de contacto co grupo e a perda de vergoña; Sálvate/me, para o traballo en grupo; Represéntate, para mellorar a linguaxe non verbal; Ilusións ópticas, para o control das expresións faciais; A cidade ideal, para traballar o xogo de roles; Os cubos, para a simulación e resolución de conflitos; etc.
Tamén se traballará na mellora de competencias clave a través de clases de reforzo escolar en lingua galega e castelá, matemáticas e inglés. Será todos os venres do ano a través de titorías e itinerarios personalizados de inserción.
Cos maiores desempregados, os obradoiros serán de tres meses de duración, e abordarán actividades coma a Estimulación da memoria, Alfabetización emocional, Alfabetización dixital, Lectura e escritura, e Tardes de lecer (con actividades de socorrismo e primeiros auxilios, reciclaxe, busca activa de emprego, coñecemento e coidado do corpo, violencia machista, etc.).
Observatorio Social
Paralelamente, a Concellería que dirixe Godoy Gómez-Franqueira desenvolverá un Observatorio Social de ambos colectivos coa fin de determinar os niveis de emprego, situación de vulnerabilidade e de exclusión existente. Do mesmo xeito, estableceranse vínculos co tecido empresarial coa fin de asegurar unha maior taxa de inserción laboral.

Deja un comentario