Sábado 18 de Agosto de 2018

O alcalde amosa en China as potencialidades termais e turísticas de Ourense cunha presentación que concitou o interese de diferentes medios internacionais


Jesús Vázquez Abad amosou o vídeo promocional da cidade no International Mayor`s Forum on Tourism en Zhengzhou e recalcou que “os operadores turísticos e medios de comunicación presentes neste Foro quedaron cautivados polo potencial termal da cidade, así como polo noso Patrimonio, Cultura e Gastronomía”

 

Esta mañá tivo lugar, no marco do International Mayor’s Forum on Tourism da cidade chinesa de Zhengzhou, a presentación de Ourense como destino turístico a cargo do alcalde, Jesús Vázquez Abad.

O rexedor explicou as potencialidades da cidade de As Burgas, con especial énfase na súa riqueza termal, “ese gran tesouro que temos baixos os nosos pés: un océano de auga termal que nos identifica que e que foi o berce da cidade tal e como hoxe a coñecemos”, sinalou Jesús Vázquez Abad, quen tamén proxectou o vídeo promocional do Concello neste ámbito e centrado en despertar o interese dos turistas chineses, co fin de que descentralicen as súas visitas de Madrid e Barcelona “e coñezan outros destinos con moito que ofrecer”.

Jesús Vázquez Abad recalcou que “os operadores turísticos e medios de comunicación presentes neste Foro quedaron cautivados polo potencial termal da cidade, así como polo noso Patrimonio, Cultura e Gastronomía”.

O alcalde ourensán quixo agradecer tamén a invitación do Goberno de China a participar neste importante foro internacional, auspiciado pola Organización Mundial de Turismo, o Ministerio de Cultura e Turismo de China e a provincia de Henan. Tamén conta co apoio da Asociación da Nueva Ruta de la Seda de España, cuxa presidenta, Xiang Jing, destacou que a viaxe da delegación española da que Ourense forma parte, “representa unha oportunidade para reforzar os intercambios e a cooperación en materia de turismo cultural, xa que o Turismo e a Cultura xogan un papel importante no desenvolvemento sostible das cidades”.

Deja un comentario