Mércores 23 de Outubro de 2019

O Concello concede licenza de obra para rehabilitar un inmoble por preto de medio millón de euros para tres vivendas de protección e un baixo, na rúa Cervantes


Esta actuación forma parte da colaboración entre o Concello e a Xunta a través do Programa Rexurbe que prevé dotar ao Casco Vello da cidade con 40 vivendas protexidas

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves un total de 17 asuntos entre o que destaca a concesión dunha licenza de obra á Consellería de Infraestruturas e Vivenda para rehabilitar un edificio na rúa Cervantes, que acollerá tres vivendas de promoción pública e un local comercial e que se trata dunha actuación do Programa Rexurbe da Xunta para a recuperación do casco vello da cidade.
Así o informou a secretaria da Xunta de Goberno Local, Flora Moure, durante a rolda de prensa posterior xa que o alcalde, Jesús Vázquez, atópase de viaxe a China para participar na International Mayor’s Forum on Tourism, onde acude como invitado pola asociación Ruta da Seda para promocionar Ourense como destino turístico de patrimonio, termalismo e investimentos.
A obra, que contará cun orzamento de 497.104,98 euros supón un novo paso neste proxecto da Xunta que prevé dotar ao Casco Vello con 40 vivendas de protección, co obxectivo de revitalizar a presenza de veciños e o desenvolvemento económico desta zona da cidade e para a que o Executivo Autonómico conta cun orzamento de máis de 7,6 millóns de euros.
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de licenzas para rehabilitar dúas vivendas e desestimou o recurso da sociedade mercantil Kissinguer Baltic Corporation S.L. contra un decreto que declaraba a ineficacia dunhas comunicacións previas presentadas por unha licenza de obra menor.
No apartado de Avogacía Consistorial o Concello foi emprazado a comparecer como prexudicado ante o Xulgado de Menores no expediente instruído contra tres menores que romperon os cristais de dúas farolas no Parque Miño. Por outra banda, unha sentenza condena o Concello a pagar 1.226,26 euros, máis intereses a unha particular polos danos sufridos ao golpear contra un bolardo.
Planeamento, Xestión Urbanística e Patrimonio acordou o pago de dúas indemnizacións por responsabilidade patrimonial; solicitou o pago de 355,25 euros por danos nunha árbore na rúa do Paseo e desestimou a reclamación de dous particulares por sendas caídas. Tamén desestimou outra de varios particulares por danos derivados da instalación da antiga depuradora de Reza por ser presentada fora de prazo.
No apartado de Infraestruturas aprobouse abonar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil un total de 39.186,36 euros polo pago fóra de prazo de diferentes débedas de natureza non tributaria.
Na área de Igualdade aprobouse a convocatoria pública de subvencións da Concellería de Igualdade para que as asociacións sen ánimo de lucro poidan realizar programas ou actividades a favor da igualdade durante 2018. Esta convocatoria contará con orzamento de 10.000 euros

Deja un comentario