Mércores 12 de Decembro de 2018

Ourense en Común recolle este xoves as demandas do barrio de San Francisco


A veciñanza poderá denunciar e compartir a súa visión do barrio mañá, desde as 20h, no cruce entre Pena Trevinca e Pena Corneira

Ourense en Común continúa mañá xoves coa campaña “A voz do barrio”, coa que está percorrendo a cidade facilitando a participación activa da veciñanza, “cedéndolles a palabra para comunicar, denunciar, aconsellar, e compartir as súas opinión acerca do espazo onde habitan”, e cuxas demandas se convirten logo en iniciativas que o grupo está levando ao Pleno Municipal.
Logo de visitar A Ponte, O Couto e a contorna do Posío nos meses recentes, farán este xoves parada en San Francisco.
Unha cámara de vídeo e un micrófono estarán á disposición das veciñas e veciños desde as 20h no encontro entre as rúas Pena Trevinca e Pena Corneira, para que quen así o desexe, poida exercer o seu dereito de libre opinión e xenerar debate sobre o barrio. O grupo quere fomentar con esta campaña a idea duns “barrios vivos, con espazos para o encontro nas rúas e prazas”.
A visita servirá tamén para facer unha simulación da “grave fenda” coa que os muros do AVE “van ferir á cidade cunha barreira infranqueable que dividirá barrios enteiros, un deles este de San Francisco”.

Deja un comentario