Mércores 12 de Decembro de 2018

Ourense en Común cualifica a Jesús Vázquez como “o Torquemada contra o galego”


Por vez primeira en 25 anos o Paseo non contará no Día das Letras cun espazo onde poder coñecer e adquirir as novidades da literatura galega

Dende Ourense en Común denuncian “o novo ataque á cultura e á lingua galega do goberno do Partido Popular no Concello de Ourense”. O portavoz do grupo, Martiño Xosé Vázquez, reflexiona “se ben nunca entendemos cal era a razón pola que no pleno de marzo de 2016 o Partido Popular votaba en contra da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, co seu proceder nestes anos, queda claro”, e afirma que “estamos perante un goberno que practica o xenocidio cultural e Jesús Vázquez é o Torquemada contra o galego”.
Así de contundente amósase Ourense en Común ao coñecer que por vez primeira en 25 anos o Paseo non contará no Día das Letras cun espazo onde poder coñecer e adquirir as novidades da literatura galega. Así é que a área de Cultura do Concello de Ourense denegoulle novamente a axuda que aportaba á Asociación de Libreiros de Ourense para instalar na Rúa do Paseo unha carpa, formando parte dos actos conmemorativos en prol do Día das Letras Galegas.
“É alarmante, só unhas semanas despois de facer o ridículo premiando un cartel dos maios plaxiado dunha artista norteamericana, dinamita un evento cultural con máis de vinte anos de tradición. Estamos perante un goberno que menospreza á cultura. Se cobrar taxas por ocupación de vía pública a organizacións sen ánimo de lucro por organizar eventos culturais non era suficiente, agora prohibe directamente vender libros na rúa o Día das Letras”.
Fai mención así Ourense en Común á negativa do goberno popular a permitir ademais a instalación de carpas propias dalgunhas librerías, que despois de denegarlle a axuda á Asociación de Libreiros pretendían instalarse pola súa conta na Rúa do Paseo. O grupo chama a acudir de igual modo á rúa do Paseo e apoiar aos libreiros que aínda sen o permiso municipal estarán na rúa reivindicando a lingua e literatura galegas.

Deja un comentario