Xoves 24 de Maio de 2018

Ourense en Común e PSOE levan ao pleno o rexeitamento da veciñanza de Reza á senda prevista polo Partido Popular


O goberno de Jesús Vázquez e a Xunta de Galicia planearon unha actuación en Reza “de costas á veciñanza”

Na mañá de hoxe, os grupos municipais de Ourense en Común e o PSdeG-PSOE no Concello de Ourense rexistraban unha moción conxunta para o próximo pleno do mes de xuño. Nesta, instan ao goberno municipal do Partido Popular e á Xunta de Galicia a “atender as numerosas queixas da veciñanza de Reza”. Pídese que o proxecto de senda ciclista e peonil, prevista para este núcleo, se modifique de ser posible, ou en caso contrario, a súa paralización.
Os grupos municipais promotores da moción enumeran na proposta as numerosas eivas e problemáticas dun proxecto elaborado “de costas á veciñanza, vulnerando o seu dereito á información e participación pública como contempla a lei”. Apuntan asemade que, de executarse a obra “suporá privar de aparcamento a toda a veciñanza de Reza e numerosos problemas de accesibilidade ás vivendas”, así como graves riscos de seguridade viaria ao ser “unha actuación illada e desconectada do núcleo urbano, sen camiños seguros e previsión para a redución da velocidade nese tramo”.
A moción insta a procurar alternativas para levar adiante outros proxectos necesarios na cidade ao abeiro da subvención. “Non podemos perder máis de un millón de euros de inversión pero tampouco malgastalos ocasionando graves prexuízos á veciñanza de Reza que unicamente reivindican o dereito a ter unhas beirarrúas no seu barrio”.
“Un proxecto que debería ser beneficioso para todo Ourense non pode facerse a costa do benestar da veciñanza de Reza. Os usos que se pretenden son incompatibles, débense escoitar e atender as alegacións e no caso de que non sexa posible modificar o proxecto é mellor non realizalo”.

Deja un comentario