Sábado 18 de Agosto de 2018

A Concellería de Cultura aposta por celebrar as Letras Galegas na rúa e con actividades dirixidas en especial ao público infantil


Na rúa do Paseo terá lugar un concerto a cargo do grupo Sonoro Maxín e unha “ciclobiblioteca” animará os máis novos a ler a obra de María Victoria Moreno

A Concellería de Cultura presentou este martes a súa programación co gallo das Letras Galegas 2018, que este ano están dedicadas á escritora María Victoria Moreno Márquez. O programa aposta por ser unha “festa galega nas rúas” e completarase con actividades musicais e infantís no Centro Cultural Ángel Valente.

A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, explicou que o seu departamento quere que as Letras Galegas “sexan unha festa nas rúas do centro da cidade” que sirva para dar a coñecer a obra da homenaxeada desta edición, unha escritora “galega de adopción” que se dedicou á literatura infantil e xuvenil.

Por este motivo a rúa do Paseo contará coa presenza da “ciclobiblioteca” de Anxo Moure, unha actividade que funcionará a modo de biblioteca móbil para que os nenos e os máis novos descubran os libros de María Victoria Moreno. O artista percorrerá na súa bicicleta esta céntrica rúa e invitará os viandantes a ler a obra da homenaxeada.

Ademais o Centro Cultural Ángel Valente acollerá pola mañá diversas actividades dirixidas aos máis pequenos e especialmente recomendadas para un público de tres a dez anos.

Ás 11,30 horas terá lugar o espectáculo “Cantamos un conto?”, a cargo de Luis Vallecillo e a súa banda.

Unha hora máis tarde (12,30 horas) haberá un concerto homenaxe a María Victoria Moreno a cargo do grupo Sonoro Maxín, unha agrupación especializada en musicar a escritores galegos.

A actuación terá lugar na rúa do Paseo á altura da Sala Valente.

Deja un comentario