Venres 19 de Outubro de 2018

A Xunta pon en marcha un estudo para coñecer a capacidade hidrotermal das Burgas de Ourense


O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, asistiu á presentación dos traballos que realizará a empresa Geocisa
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, asistiu esta mañá en Ourense á presentación dos traballos que a empresa Geocisa levará a cabo para coñecer a capacidade hidrotermal das Burgas.

O director xeral destacou que aínda que as propiedades e beneficios das augas termais son de sobra coñecidas, ata a data non se fixera unha cuantificación do caudal para determinar o aproveitamento racional deste recurso, obxectivo dos traballos que se van realizar.

En concreto, tras a análise documental, realizaranse traballos en superficie de recoñecemento xeolóxico e hidrolóxico que permitirán actualizar o inventario de puntos de auga subterránea; así como unha monitorización automatizada para medir en continuo o caudal, a temperatura, a condutividade ou o nivel de auga termal, así como as análises de datos correspondentes para avaliar os resultados.

Ademais, os resultados deste estudo poderán ser utilizados para seguir avanzando no proxecto pioneiro do Ecobarrio de Ourense, unha iniciativa que pretende aproveitar unha das principais cualidades da capital termal de Galicia, a xeotermia, e que prevé establecer a primeira rede de Europa de xeotermia a través dun proxecto de district heating que conta cun orzamento de 8,3 millóns de euros. Grazas a esta fonte de enerxía poderase abastecer de calefacción e auga quente a medio centenar de edificios da contorna do barrio da Ponte.

Con esta actuación, a Xunta ratifica o seu compromiso tanto coa protección das augas termais, como co impulso e aproveitamento dos recursos autóctonos para fomentar o seu uso racional, camiñando cara unha economía verde.

Deja un comentario