Domingo 23 de Setembro de 2018

A “VIII Ruta dos castros”, 16 quilómetros de andaina pola natureza arqueolóxica de Cualedro


Cualedro celebra o vindeiro domingo, 13 de maio, coa “VIII Ruta dos Castros” unha xornada de exaltación da riqueza histórica dun dos municipios con maior número de vestixios e emprazamentos arqueolóxicos da provincia. Esta andaina, que conta co apoio da Deputación de Ourense, ten un percorrido de 16 quilómetros “e permitirá aos participantes contemplar nesta xornada lúdico-deportiva a gran riqueza patrimonial coa que conta Cualedro, o que unido á práctica deportiva e ao contacto coa natureza, fan desta xornada un día perfecto para gozar do turismo, da gastronomía e da natureza deste municipio”, dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación desta actividade, hoxe, no Pazo Provincial, acompañado polo alcalde de Cualedro, Luciano Rivero; pola presidenta da Asociación de sendeirismo “Ruta das Augas”, Amaya Álvarez, e polo colaborador da andaina Eduardo Castro.

“Con esta actividade seguimos poñendo en valor os recursos paisaxísticos e arqueolóxicos do noso concello”, explicou o alcalde, salientado que a andaina contará con máis de 100 inscritos, que percorrerán os castros Cidá de San Millao e Saceda, a Fonte da Ola, o Cruceiro de Lucenza, Santa Marta, a Mámoa do Madorriño e a Fonte da Ola. A andaina sairá ás 9.00 horas de Lucenza en rematará en San Millán-Escola, sendo un percorrido de dificultade baixa. Luciano Rivero destacou que a novidade deste ano está no percorrido por Lucenza, “onde os visitantes poderán admirar a fauna local, entre a que destaca a vaca cachena e o cabalo autóctono”.

O alcalde anunciou que dentro das iniciativas de recuperación da riqueza histórica do municipio –que conta con sete castros, numerosos petróglifos, lagares e máis de 40 xacementos arqueolóxicos- o vindeiro ano realizaranse intervencións e traballos de investigación no Castro de San Millán para recuperar as murallas deste emprazamento castrexo.

Deja un comentario