Sábado 18 de Agosto de 2018

Reunión de Manuel Baltar co presidente da Academia Galega do Audiovisual


O presidente da Deputación de Ourense reuniuse co presidente e co director da Academia Galega do Audiovisual (AGA), Carlos Ares e Miguel Mariño, respectivamente, e co membro da academia Miguel Anxo Fernández, quen lle presentaron ao presidente do goberno provincial o proxecto “Galicia Film Office”, cuxo obxectivo é servir de apoio ao sector audiovisual para poñer en contacto a empresas dos sectores audiovisual e do turismo e explorar vías de negocio por medio do asesoramento, base de datos de localizacións e enlace con produtoras, empresas e profesionais do audiovisual.

Manuel Baltar agradeceu o labor que a academia realiza para o impulso do sector audiovisual e informoulles de que a Deputación de Ourense “ten xa unha vía iniciada neste sentido, logo do acordo plenario do pasado mes de marzo, no que se aprobou, a proposta do grupo de goberno, a elaboración dun catálogo de localizacións, tanto exteriores como interiores, na provincia de Ourense, destinado á industria audiovisual”.

O presidente provincial amosouse aberto a explorar liñas de colaboración entre “Galicia Film Office” e a futura “Ourense Film Commission” “coa finalidade se seguir potenciando a industria audiovisual en Ourense e Galicia, e achegar competitividade ao sectores que poden beneficiarse da realización de producións audiovisual na nosa terra, sinaladamente o turístico”.

Neste sentido, a importancia que a provincia de Ourense tivo e segue a ter como “plató de cinema” amósase estes días co traballo que está a realizar a cineasta Isabel Coixet, quen está a realizar preparativos para rodar a súa próxima película nos municipios de Celanova e Boborás, unha historia de dúas mulleres, ambientada a principios do século XX; e tamén coa recente presenza da tamén directora e guionsta Gracia Querejeta, quen participou en “Ourense ICC Week” na conferencia “La trayectoria de una mujer creativa”.

Deja un comentario