Domingo 23 de Setembro de 2018

Ángeles Vázquez resalta o crecemento da Denominación de Orixe do Ribeiro na 55 Feira do Viño de Ribadavia


A conselleira sinalou que na última campaña chegouse aos 8,7 millóns de litros de viño certificado
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu á inauguración da feira do viño do Ribeiro que se celebrou en Ribadavia. Alí a responsable autonómica destacou a boa evolución desta denominación de orixe que alcanzou no 2017 unha produción de 8,7 millóns de litros, a pesares das inclemencias climatolóxicas. En concreto, na última vendima recolléronse máis de 9,6 millóns de quilos de uva certificada.

“Estas cifras tradúcense en riqueza para Galicia, en postos de traballo e en rendas dignas para os veciños do rural, que é polo que traballa a Xunta de Galicia”, declarou a conselleira. Neste sentido, lembrou que só este selo certificado ampara a 5.752 viticultores e 114 industrias.

“E o que queremos e que estas cifras sigan mellorando”, declarou a responsable autonómica. Para iso, a Consellería do Medio Rural dispón de axudas destinadas especificamente ao mundo do viño. De feito, a día de hoxe e ata o 16 de maio permanecerá aberto o prazo para solicitar as subvencións para plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia do ano 2018, que ascenden a 1,4 millóns de euros. Precisamente a través desta convocatoria, no último ano actuouse na mellora dunhas 77 hectáreas, a maioría na provincia de Ourense, onde houbo 37 beneficiarios destas achegas e melloraron 38,2 ha de superficie de viñedo.

Novo consello regulador

Segundo a conselleira, nesta boa evolución xoga un papel clave o consello regulador, un equipo que traballa por garantir a calidade do produto e a súa procedencia, ademais de loitar por dalo a coñecer. Neste sentido, cobra importancia este tipo de feiras, así como outras de carácter nacional e internacional, como a de Alimentaria, onde este mesmo mes tamén estivo presente o Ribeiro xunto co resto de denominacións de orixe vinícolas galegas.

Deja un comentario