Luns 03 de Agosto de 2020

Teatro para adultos e bebés, a festa da lingua e o baile tradicional dánlle forma á variada programación do Auditorio


A compañía coruñesa Os Náufragos presentará mañá ‘Castrapo’

 

O Auditorio municipal de Ourense acollerá esta semana unha variada e diversa programación de actividades, que inclúe a representación da obra Castrapo, a cargo da compañía coruñesa Os Náufragos, a festa da lingua Correlingua 2018, o espectáculo para bebés Pintalingua e o de baile e música tradicional O Fiadeiro. As entradas pódense adquirir en www.ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na sede de Afundación (Praza Maior, 4) e na billeteira do Auditorio desde dúas horas antes da función. O Auditorio acolle tamén durante este mes no vestíbulo principal a exposición da XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, resultado dun concurso que cada dous anos organiza o Eixo e que visita os principais puntos da eurorrexión.

A programación de actividades comezará mañá, ás 20,30 horas, coa obra Castrapo, a carta de presentación da compañía coruñesa, de recente creación, Os Náufragos. O cuarteto formado por Gustavo del Río, Rebeca Vecino, Denis Gómez e Victoria Teijeiro, fai un traballo que vertebra a creación contemporánea desde a dramaturxia ata a súa posta en escena. Nas súas propias palabras, o eixe da súa proposta é o labor do actor ou actriz na creación, así como a busca de novas linguaxes próximas ao espectador e á actualidade.

Os Náufragos nace con raíces fortes, cunha traxectoria consolidada dos/as integrantes e cunha vocación de proximidade co público. Castrapo fálanos de Daniel, escritor galego emigrado a Madrid, que volta á terra despois da morte do seu pai, con quen non mantiña unha relación fluída. No camiño atópase con Rosa, que colle o mesmo tren que Daniel con destino á Coruña. Nesta viaxe a Galicia atópase co seu pasado e coa necesidade de procurar as súas raíces. Unha viaxe á súa orixe. Castrapo fala do que fomos e xa non somos e do que somos e xa non seremos.

O venres, 11, o Auditorio acollerá a gran festa da lingua: Correlingua 2018, co lema “A lingua non para!, que chega un ano máis a Ourense en dúas sesións nas que alumnado de Primaria e Secundaria festexarán que temos unha lingua propia. Actuacións do alumnado, do grupo gañador do concurso Cantalingua, proxeccións e máis sorpresas. Serán ás 10 e ás 12h

O domingo, nova cita coa programación infantil, este caso con Pintamúsica, teatro para bebés a cargo de Viu El Teatre, en dobre función, ás 12 e ás 13h.

O espectáculo é unha viaxe polas estacións do ano e, para cada época, temos unha cor, unha canción e uns instrumentos. Tres músicos, actores e cantantes son os encargados de guiarnos nesta viaxe creativa a través das estacións do ano que nos levan a crear unha adaptación do cadro de Joan Miró “Muller e paxaros na noite”. Unha viaxe sensorial, onde as cores e a música son os protagonistas dunha relaxante experiencia creativa, cunha atmosfera acolledora na que os tres pintamúsicos nos transportarán ao xogo e á diversión. Escoitar, mirar, tocar e crear…

A proposta de actividades escénicas completarase o domingo 13 ás 19:00 horas, coa representación de O Fiadeiro, espectáculo de baile e música tradicional.

Deja una respuesta