Por primeira vez o Concello de Ourense acollerá un curso de extensión universitaria a través dun acordo coa Universidade de Vigo
O Centro de Coñecemento e Innovación La Molinera acollerá entre o 5 de xuño e o 18 de xullo o primeiro curso de “Experto en Prototipado con Ferramentas 4.0” que se celebra no noroeste peninsular e que ofrecerá a 35 alumnos a formación en robótica, impresión 3D ou corte láser, para realizar proxectos robóticos, electrónicos ou micro informáticos.
Esta actividade estará baixo a dirección do catedrático da Universidade de Vigo Florentino Fernández Riverola e do profesor José Ramón Méndez Reboredo. Terá unha duración de 60 horas e a súa finalización os alumnos recibirán dous créditos ECTS (un por cada 30 horas de formación).
Trátase dunha iniciativa pioneira froito da colaboración institucional entre o Concello de Ourense, a través da concellería de Emprego, e a Universidade de Vigo (Campus Sur de Ourense) que fai posible que por primeira vez a cidade das Burgas acolla un curso de extensión universitaria.
Para o concelleiro de Emprego, Jorge Pumar, esta colaboración “é un paso máis” na aposta conxunta da Universidade e do Concello por “situar a Ourense como unha cidade innovadora”, xa que “é a primeira vez que o Concello participa nunha acción formativa deste tipo”.
Pumar tamén salientou a “colaboración” coa Deputación “á hora de co financiar este tipo de accións formativas na provincia” que “están a situar a Ourense como un referente en materia de innovación.
Os interesados en apuntarse ao curso de “Experto en Prototipado con Ferramentas 4.0” poderán inscribirse a través da páxina da Universidade de Vigo http://culturxest.uvigo.es. A matrícula será de 30 euros para o público en xeral e de 19,50 euros para persoas da comunidade universitaria da Universidade de Vigo.
Os alumnos recibirán coñecementos básicos de electrónica e instrumentos de medida; deseño e construción de PCB; prototipado eléctrico/electrónico, protoboard, PCB universal e PCB custom; prototipado de elementos mecánicos; deseño e impresión 3D; programación de sistemas baseados en Arduino; así como realización e posta en marcha de proxectos.
Deja una respuesta
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.