Sábado 18 de Agosto de 2018

A investigación no patrimonio rupestre europeo, a debate na “Ourense ICC Week”


Manuel Baltar destacou na apertura da xornada sobre patrimonio rupestre “a importancia que ten para Ourense o recente descubrimento de dúas tellas do século XV, achadas en Castro Caldelas, que suporían a primeira testemuña da escritura en lingua galega”

O segundo día da “Ourense ICC Week” comezou hoxe no mosteiro de san Pedro de Rocas (Esgos) cunha xornada innovadora pola súa temática, na que se debateu sobre o “Patrimonio rupestre europeo”, desde o punto de vista da investigación, a xestión e a difusión. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou no acto inaugural da xornada, que contou coa participación de medio cento de estudantes e expertos internacionais en historia e arqueoloxía, quen analizaron a aplicación das novas tecnoloxías a arte e ás construcións rupestres, así como as análises físico-químicas nas pinturas e frescos rupestres.

Manuel Baltar dixo que este seminario “con esta temática específica non existe en ningún lugar de Europa” e anunciou que en vindeiras edicións “seguiremos organizando en Ourense, en san Pedro de Rocas, xornadas referidas a esta especialidade, para seguir afondando no coñecemento da nosa historia e da nosa identidade”, dixo o presidente do goberno provincial, quen destacou que a “Ourense ICC Week combina como ningunha outra actividade a modernidade coa tradición, a vangarda e a historia”.

“A cultura e o patrimonio son elementos básicos e diferenciadores e engaden un plus de valor ao territorio, favorecendo tamén o turismo no noso territorio, Ourense, a provincia termal por excelencia”, e nese ámbito da investigación da historia de Ourense Manuel Baltar destacou tamén “a importancia que ten para a nosa provincia, para o Concello de Castro Caldelas e para a Ribeira Sacra o recente descubrimento de dúas tellas do século XV, achadas en Castro Caldelas, que suporían a primeira testemuña da escritura en lingua galega”, un estudo no que están a traballar os investigadores Jorge López Quiroga e Natalia Figueiras, coa colaboración da Deputación de Ourense.

A xornada sobre arte rupestre estivo coordinada polo profesor de Arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga, e pola profesora da Universidade de Florencia, Carmela Crescenzi, e contou con relatorios a cargo do director do Museo de Palagianello (Italia), Domenico Caragnano; do profesor de Historia do Dereito da Universidade de Bari, Antonio G. Mastrangelo; do profesor da Universidade do Pireo (Grecia) Theodoros Ganetsos, e do espeleólogo, escritor e profesor, Alexey Zhalov.

Deja un comentario