Domingo 09 de Decembro de 2018

Pablo Pérez: “A reforma das instalacións deportivas de Carrís demostra o grao de compromiso da Deputación con Barbadás”


O deputado de Cooperación visitou os campos de fútbol municipais neste concello

“Manuel Baltar comprometeuse coa reforma das instalacións deportivas e os 200.000 euros que a Deputación destinará a esta obra demostran o grao de cumprimento deses compromisos co Concello de Barbadás por parte do presidente da institución provincial”. Así se expresou o deputado de Cooperación, Pablo Pérez, quen acompañado pola deputada provincial de Infraestruturas e portavoz do PP de Barbadás, Consuelo Vispo, visitou os campos de fútbol dos Carrís, nos que, grazas á modificación de crédito prevista polo grupo de goberno da Deputación, procederase á reforma destes campos. Unha visita na que tamén estivo presente o concelleiro de Deportes de Barbadás, Adrián Varela.

Pablo Pérez afirmou que fronte ás críticas da oposición sobre o reparto dos fondos da Deputación procedentes do remanente de tesourería, “Baltar responde con altura de miras política para cooperar nun proxecto que vai beneficiar a un concello que precisa das mellores instalacións deportivas, xa que alí adestran preto de 300 rapaces dunha vintena de equipos de fútbol, unha das Escolas Deportivas máis numerosas da provincia e onde tamén xoga un dos clubs máis representativos do fútbol ourensán”, sinalou Pablo Pérez referíndose á Unión Deportiva Barbadás, cuxo presidente Jose Manuel Fernández tamén estaba presente na visita.

O deputado de Cooperación lembrou que esta modificación de crédito hai que agradecerlla ao grupo popular no Concello de Barbadás, “que realizou as xestións necesarias diante do presidente da Deputación para conseguir o apoio económico, a petición do propio alcalde, logo de votar en contra en dúas ocasións á senllas propostas do PP neste sentido, o que resulta absolutamente incomprensible”. A deputada provincial de infraestruturas e portavoz do PP de Barbadás, Consuelo Vispo, ratificou as palabras de Pablo Pérez, afirmando que este proxecto “é un compromiso do goberno provincial cos veciños de Barbadás”.

A reforma das instalacións deportivas dos Carrís permitirán renovar o céspede do campo de fútbol once e dotar de herba artificial o campo de terra no que adestran os rapaces máis cativos, ademais de realizar obras de acondicionamento nun dos muros do edificio para evitar humidades no interior dos vestiarios.

Deja un comentario