Domingo 21 de Outubro de 2018

A Deputación inicia os trámites para rematar a reforma integral da estrada Vilardevós-Vilarello


O proxecto, que agora entra na fase de exposición ao público, “é un compromiso da institución provincial para arranxar esta vía ata a fronteira con Portugal”, afirma o deputado de Cooperación, Pablo Pérez

O acondicionamento e reforma integral da estrada provincial OU-1006, que une as localidades de Vilardevós e Vilarello, ven de dar un paso máis coa redacción e aprobación provisional, no pasado mes de marzo, dun novo proxecto que agora entra na fase de exposición ao público como paso previo á súa aprobación definitiva. Este novo proxecto, a diferenza do primeiro, realizado en 2015, abarca todo o trazado da estrada aínda que as obras se realizarán en distintas fases. A que está en tramitación na actualidade corresponde a un treito de algo máis dun quilómetro e conta cun orzamento de 150.000 euros. “O compromiso da Deputación é completar a reforma integral desta estrada ata Portugal”, manifestou o deputado de Cooperación, Pablo Pérez, explicando que o resto das obras ata completar o proxecto realizaranse en actuacións posteriores.

A estrada OU-1006 é unha das principais vías de comunicación do Concello de Vilardevós, xa que enlaza as cinco poboacións máis grandes do municipio (Terroso, Arzádegos, Vilarello, Florderrei e Enxames), permite tamén o acceso a Verín e mesmo á Portugal.

O alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso, amosou a súa satisfacción polo avance do proxecto, aínda que afirmou que seguirá de preto tanto a fase de tramitación como o desenvolvemento das obras “para que se cumpran os compromisos alcanzados, xa que este proxecto é unha vella aspiración dos preto de 800 veciños aos que beneficia a reforma integral da estrada”, engadindo que esta nova fase eliminará “un dos treitos máis complexos e perigosos do trazado da vía, que ten un notable tráfico”.

Deja un comentario