Mércores 21 de Agosto de 2019

Ourense en Común incide na necesidade de que o servizo de protección ás mulleres vítimas de violencia sexa de xestión directa municipal


A adxudicación da Casa de Acollida de Ourense quedou deserta e pasará a prestarse en precario no mes de xuño sen que o servizo estea asegurado cara ao futuro

Logo de que o goberno declarara deserta a adxudicación da xestión da Casa de Acollida, Ourense en Común reitera a denuncia da “situación de abandono e desmantelamento insostible” na área de servizos sociais que dirixe Sofía Godoy, e considera “moi grave” que a partir de xuño a prestación deste servizo sexa “unha total incertidume”.
O grupo incide na necesidade de contar cun centro de acollemento “público e de xestión directa municipal, que garanta o servizo” a todas aquelas mulleres que sofren violencia machista, ás súas fillas e fillos menores ou a calquera outra persoa dependente delas, entendendo que é “un recurso fundamental e un servizo de manifesta utilidade pública”; unha proposta desbotada no pleno do pasado mes de setembro cos votos en contra do Partido Popular e Democracia Ourensana, e da que “xa estamos a ver as consecuencias”.
O grupo defende que “a protección ás mulleres é unha obriga dos poderes públicos” e critica que en Ourense haxa “unha manifesta contradición entre o carácter aconfesional da administración e o abandono das súas obrigas en favor dunha congregación”.
OUeC ten manifestado en repetidas ocasións a súa disconformidade con que o servizo non se desenvolva en Ourense segundo recolle o protocolo da Rede Galega de Acollemento, e estea en mans dunha orde relixiosa “case supeditado á beneficencia”, pois a maioría do horario laboral do servizo está imputado a “persoal que non percibe salario”.
O grupo cita exemplos de centros galegos que dependen directamente da xestión pública, como o caso de A Coruña ou Vigo, que contan con recursos especializados, residenciais e temporais, e ofrecen axeitadamente acollemento, atención e recuperación ás mulleres que sofren violencia, para garantir a súa integridade psicolóxica e a súa autonomía social e económica.

Deja un comentario