Venres 14 de Agosto de 2020

O Concello de Ourense fai un chamamento entre as familias ourensás para participar no programa de acollida de menores saharauis ‘Vacacións en paz’


O período de acollida comprende os meses de xullo, agosto e a primeira semana de setembro, e está enfocado a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos residentes nos campamentos do Tinduf (Arxel)

 

O Concello de Ourense pon en marcha, un ano máis, o programa Vacacións en paz 2018 dirixido á acollida de menores saharahuis durante os meses de verán (xullo, agosto e primeira semana de setembro), e abre o até o día 30 para que todas as familias interesadas poidan realizar as solicitudes a través do Rexistro Xeral. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, reuníronse esta mesma mañá con representantes da Delegación Saharahui en Galicia e coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharahui, acordando darlle o maior pulo posible a un programa que comezou en 1996 na cidade de Ourense.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, reunidos cos representantes da Delegación Saharahui en Galicia (Mohammed Zerga e Hassann Aalia) e Solidariedade Galega co Pobo Saharahui (Maite Isla, Pablo Romeo e Emilio Portela).

A cantidade de menores, con idades comprendidas entre os oito e os doce anos, dependerá do número de solicitudes que se procesen e dos preceptivos informes de idoneidade elaborados pola traballadora social do programa. ‘Vacacións en Paz’ procura darlles a oportunidade aos menores dos campamentos de refuxiados do Tinduf de evitar os rigores do verán -50º á sombra- e sufragar os gastos de avión e autobús, así como integralos en actividades de lecer para reforzar lazos con outros menores da cidade.

Os beneficios para os menores do programa son múltiples, e van desde unha atención médica completa, para un desenvolvemento físico saudable, unha alimentación máis variada á que limitan as extremas condicións do deserto do Sáhara, así coma os vencellos de amizade e afectivos que establecen na nosa cidade. Do mesmo xeito, é unha oportunidade única para escapar dunha zona en conflito: o pobo saharahui tivo que abandonar as súas terras vai 30 anos, actualmente baixo dominio de Marrocos e Mauritania. Hoxe en día, a ONU estima que serán 200.000 os refuxiados nos campamentos do Tinduf (Arxel) en medio dun clima de tensións territoriais e escaramuzas bélicas.

Pola parte saharahui, será un departamento específico quen seleccione os menores para a acollida atendendo a criterios coma o rendemento académico, que sexan fillos/as de mártires de guerra ou teñan problemas de saúde que haxa que tratar.

Pódese consultar toda a información de Vacacións en Paz no programa de Inmigrantes e Emigrantes Retornados do departamento de Asuntos Sociais ou no teléfono 988.232.316.

Máis información, no espazo web www.sogaps.org da asociación Solidariedade Galega do Pobo Saharahui.

Deja una respuesta