Domingo 21 de Outubro de 2018

26 vídeos ourensáns participarán na segunda edición dos premios Youtubeir@s, cuxa gala será o 20 de abril


Logo de celebrarse en Ourense a primeira edición, A Coruña acolle a gala de entrega na que se repartirán 5.500 euros en oito categorías

A segunda edición dos Premios Youtubeir@s, co lema de Mostra o Youtubeir@ que levas dentro, celebra a gala final o vindeiro 20 de abril na Coruña logo de recibir máis de 300 vídeos presentados nas súas tres categorías: video-opinarmos, vídeo – facermos e canles. Estes premios repartirán 5.500 euros e, entre os participantes, haberá unha nutrida representación ourensá: 5 vídeo opinarmos, 6 vídeo-facermos e 3 canles con cinco vídeos cada unha.

A participación estivo moi repartida por todo o territorio galego, máis nos ámbitos urbano e vilego e menos no rural. Por idades, a maior participación é na franxa de idade de 30 a 50 anos (o 40%) seguido de 18 a 20 anos co 31%. Nesta edición apréciase unha mellor calidade nos vídeos que na pasada,e aínda que segue a haber xente que só presenta un vídeo, contamos tamén coa participación de youtubeir@s xa consolidados que posúen as características propias destes: polo xeito de facelos, xeración de comunidade, periodicidade creando contidos..; algún xa contan cunha comunidade consolidada.

En canto á temática haberá vídeos que tratan temas de actualidade: Igualdade de xénero; vídeos como ferramenta educativa: vídeos técnicos; que recollen a sabedoría popular de persoas maiores; e tamén contamos cos habituais de cociña e vídeos de horta.

Os responsables do programa decláranse moi satisfeitos co proxecto xa que entenden que “foi capaz de introducir o galego como lingua vehicular dos xénero propios do youtube, incorporando nesta edición as rewies, e os remakes, por exemplo”.
O pasado ano, a gala de entrega de premios tivo lugar no Teatro Principal de Ourense.

Deja un comentario