Luns 19 de Agosto de 2019

Un libro recolle as achegas do Congreso Internacional de Educación Social e Escola


 

A publicación recompila as actas deste evento cultural, no que se analizou a figura do educador social no contexto escolar

 O libro Educación Social e Escola. Unha análise da última década (2006-2016) recolle as actas do “I Congreso Internacional e III Xornadas de Educación Social e Escola”, nas que analiza a figura do educador e educadora social no contexto escolar. A presentación desta publicación, na que colabora a Deputación de Ourense,  tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, coa presenza do deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; do vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación Universidade de Vigo, Xosé Manuel Cid; e o vicepresidente do Colexio de Educadores Sociais de Galicia, Aurelio Prado.

Este libro “é un complemento teórico con achegas de especialistas, onde aparece a figura do educador social dentro dos centros de ensino públicos e privados-concertados de diferentes comunidades autónomas e tamén doutros países como Portugal e Brasil, que nos achegan textos teóricos onde se fundamenta a importancia da figura do educador social dentro de contextos educativos formais”, explicou Aurelio Prado.

Manuel Doval destacou dos educadores sociais o seu papel “como mediadores e integradores, o cal non só debe estar encamiñado a resolver conflitos, senón a evitar que xurdan”. Neste mesmo senso, Xosé Manuel Cid destacou o papel dos educadores sociais e a súa intervención “desde a primeira infancia, para poder prever certos actos de extrema violencia que estamos a vivir na actualidade”. Cid explicou que se trata dun libro que recolle no ámbito mundial como está a educación social na escola.

Deja un comentario