Mércores 18 de Xullo de 2018

Deputación de Ourense e Concello de Monterrei recuperarán o balneario de Requeixo para potenciar o turismo termal nesta comarca


Manuel Baltar, José Luis Suárez e José de Sousa Cintra, propietario de Fontenova, asinaron hoxe un convenio para a cesión gratuíta da contorna do balneario e das súas instalacións, o que permitirá acometer obras de mellora co obxectivo de promover o turismo termal.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou no Pazo Provincial co alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e co propietario de Agua de Fontenova, José de Sousa Cintra, un convenio para a cesión gratuíta da contorna do balneario e das súas instalacións, que permitirá acometer obras de mellora co obxectivo de promover o turismo termal nesta zona. Desta maneira, “a Deputación de Ourense e o Concello de Monterrei recuperarán o balneario de Requeixo para potenciar e promover o turismo termal nesta comarca”, destacou Manuel Baltar.A cesión temporal gratuíta destas centenarias instalacións termais e a súa contorna permitirá a recuperación e rehabilitación deste ámbito natural e a promoción da auga mineiro-medicinal do seu manancial. No marco deste convenio levaranse traballos de limpeza, estabilización e conservación dos edificios, así como o mantemento e sustentabilidade do seu contorno. Tamén se realizarán labores de limpeza e recuperación do manancial de augas mineiro-medicinais, e a recuperación do antigo quiosco de agüistas.Estas actuacións teñen o obxectivo de poder realizar actividades centradas na promoción turística do agüismo, tales como cata de augas, dispensación da auga mineral natural directamente do manancial, información, formación, visitas turísticas, formación, remodelación, reforma e adaptación de espazos, así como actividades de ocio. “A finalidade é recuperar para os veciños e visitantes un espazo emblemático fundamental do patrimonio de Monterrei”, afirma Manuel Baltar. A Deputación de Ourense –que asumirá o financiamento das obras- e o Concello de Monterrei levarán a cabo, ademais, a redacción dos proxectos técnicos, contratación de persoal, elaboración de paneis informativos, e iniciativas de promoción e sensibilización ambiental para a protección deste enclave termal.

Deja un comentario