Domingo 18 de Novembro de 2018

Deputación, Concello de Vilamartín e veciños acordan compromisos comúns pola estrada de San Vicente de Leira


No Pazo Provincial reuníronse hoxe representantes de tódalas partes para acordar medidas urxentes que garantan o acceso ao núcleo desta localidade en caso de emerxencia

O Pazo Provincial acolleu hoxe unha reunión de representantes da Deputación de Ourense, do Concello de Vilamartín de Valdeorras e de veciños da localidade, para consensuar conxuntamente medidas urxentes que garantan o acceso ao núcleo de San Vicente de Leira nunhas condicións mínimas de seguridade en caso de emerxencia.

Trala reunión, o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez explicou que tódalas partes comparecentes acordaron “compromisos comúns para garantir o acceso, nunhas condicións mínimas de seguridade, aos veciños desta localidade”.

Para elo, Pablo Pérez explicou que se levarán a cabo diversas actuacións como “a reparación do pavimento da estrada OU-0807, no treito da ladeira oeste á entrada do núcleo de San Vicente de Leira, actualmente cerrado ao paso cunha barreira de seguridade fixa”. A Deputación de Ourense procederá a retirar a barreira de carácter fixo e colocar no seu lugar unha barreira móbil para que poida ser retirada temporalmente para facilitar o acceso a vehículos de emerxencia no caso de ser necesario.

Pola súa parte, o Concello de Vilamartín de Valdeorras e o representante veciñal comprometéronse “a trasladar aos veciños a conveniencia de non empregar este punto de acceso en canto continúen as inclemencias meteorolóxicas e se estean a executar as obras anteriormente mencionadas”, sinalou o deputado provincial.

Outro dos compromisos do goberno provincial acordados na reunión é “rematar a elaboración do proxecto de estabilización da ladeira oeste mediante actuacións de desmonte e drenaxe da dita ladeira”, engadiu Pablo Pérez. Asemade, a Deputación tamén levará a cabo “o acondicionamento do acceso alternativo a San Vicente de Leira a través da estrada municipal que pasa polo Mazo, para o cal destinará 70.000 euros, e tamén procederemos a realizar o bacheo do treito da estrada municipal que da acceso ao núcleo de Robledo”, explicou Pablo Pérez, quen lembrou que a Deputación de Ourense “ofrece un servizo de transporte a demanda aos veciños de San Vicente de Leira que así o precisen”.

O deputado provincial salientou que no pleno do mes de marzo aprobarase definitivamente o proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira pola estrada OU-0807. Por último, Pablo Pérez destacou “a participación” de tódolos que están implicados neste proceso, “tanto por parte das empresas involucradas como dos propietarios dos terreos”.

Deja un comentario