Venres 19 de Outubro de 2018

Os actos con motivo do Día Internacional das Mulleres continúan este xoves con deporte, cinema e música


Consulta todas as actividades en www.ourense.gal

O Concello de Ourense prosegue mañá, xoves 15 de marzo, co programa de actividades con motivo do Día Internacional das Mulleres. O programa incluirá deportes, cun partido triangular entre os equipos do Envialia FS, o Cidade das Burgas e a Unión Deportiva Ourense; cinema, coa proxección do documental A palabra xusta, de Miguel Piñeiro; e un recital de guitarra a cargo de Tomás Camacho, na sala Valente.

19:30 horas. I Ciclo Muller, Igualdade e Deporte.

A cancha central do pavillón dos Remedios acolle un triangular de fútbol sala feminino, que constará de tres tempos de 20 minutos a reloxo corrido. Ao remate do partido, e baixo o criterio arbitral, lanzaranse un ou dous penaltis para desfacer os posibles empates.

20:00 horas. Concerto de guitarra de Tomás Camacho.

A sala Valente será o escenario dun concerto do guitarrista Tomás Camacho, no marco da exposición O eco das Amazonas, de Baldomero Moreiras, e que forma parte das actividades do #8M. A asistencia é libre e de balde.

20:30 horas. Proxección de A palabra xusta, de Miguel Piñeiro.

As actividades do día pecharanse coa proxección do documental A palabra xusta, de Miguel Piñeiro. Será no salón de actos da Biblioteca Pública de Ourense en colaboración co Cineclube Padre Feijoo.

A palabra xusta compaña a Antía Cal Vázquez, Tita, mestra e pedagoga de 92 anos a través dos recordos, as imaxes dunha vida atrapadas en vellas fotografías, a paisaxe de montaña que rodea a casa e a memoria do amor da súa vida, Antonio Beiras. A través das súas palabras en galego –unha lingua minoritaria prohibida durante anos- coñeceremos a España gris dos anos 50; saberemos das súas viaxes por Europa para atoparse cunha pedagoxía avanzada que a leva a fundar en 1961 un colexio en Vigo, unha escola laica, igualitaria, conectada coa realidade inmediata e onde as clases se impartían en distintas linguas. En definitiva, unha historia de amor e de educación.

A asistencia é libre e de balde até completar aforo.

Deja un comentario