Domingo 23 de Setembro de 2018

O corte físico da estrada a San Vicente de Leira obedece a cuestións de seguridade


Informes técnicos da Deputación de Ourense avalan esta decisión

A decisión tomada pola Deputación de Ourense de proceder ao corte físico da estrada OU-0807, que da acceso ao pobo de San Vicente de Leira, obedece estritamente a razóns de seguridade, para velar pola integridade física dos veciños. Esta decisión foi tomada en base aos informes técnicos que acreditan o desprendemento de rochas na parte mais próxima ao pobo e á carencia de base da propia estrada nalgunha parte deste treito. Todo isto, unido á longa seca, acompañada agora por intensas choivas, fai que a inestabilidade do terreo se manifeste novamente. Neste sentido, cabe lembrar as propias declaracións do alcalde de Vilamartín de Valdeorras, nas que fixo referencia aos citados desprendementos.Con esta situación, e diante da vontade da Deputación de Ourense de causar os menores impedimentos aos veciños do pobo, ofrecéuselle ao concello mellorar a estrada municipal (con 1,2 quilómetros máis de percorrido que a OU-0807), que da acceso á do pobo do Mazo e tamén a San Vicente de Leira, co cal este núcleo de poboación non queda incomunicado en ningún momento. “Esta adecuación consistiría en obras de pavimentación, mellora do firme, preparación de cunetas, colocación de dobre bionda, todo elo coa finalidade de mellorar a seguridade desta estrada municipal, ademais de facer unha limpeza diaria da mesma, sempre e cando teñamos o beneplácito do Concello de Vilamartín”, afirma Pablo Pérez, deputado provincial de Cooperación.Desde que no pleno de maio de 2016 o goberno provincial se comprometera a executar as obras necesarias de mellora da OU-0807, estívose traballando para dar cumprimento ao acordado. Logo de varias reunións cos veciños, cos cales se está en contacto practicamente a diario, co concello e demais partes implicadas, chegouse ao acordo de facer o proxecto de recheo da vagoada, sempre e cando fose legalmente posible. “Neste sentido, a Deputación nunca se saíu da folla de ruta acordada, cumprindo todos e cada un dos pasos necesarios (alegacións incluídas) para poder presentar no vindeiro pleno, de marzo de 2018, a aprobación definitiva do proxecto de trazado acordado”, destaca Pablo Pérez.Afirma o deputado de Cooperación que tamén se lle ofreceu ao concello “conveniar un transporte para que todos aqueles veciños que así o desexen poidan utilizado para facer as súas xestións na capitalidade, e comunicóuselle ao concello que a Deputación de Ourense está disposta a aceptar calquera suxerencia sempre e cando sexa posible legalmente”.O goberno provincial é consciente do trastorno que supón este corte físico da estrada, pero se reafirma en que o principal é velar pola seguridade dos veciños.Este é un tema que compete a varias administracións e no que se ten avanzando moito nos dous últimos anos, tendo como punto de inflexión a anulación da concesión mineira á empresa titular dos dereitos mineiros de explotación, decisión que foi recorrida e aínda non resolta xudicialmente. A resolución definitiva deste recurso debería ser a que acabe por desbloquear definitivamente esta situación, unha decisión que, de ser favorable aos intereses veciñais e da institución provincial, faría que puidese levar a cabo o proxecto de recheo da vagoada.

Deja un comentario