Sábado 18 de Agosto de 2018

Máis de 500 deportistas participarán no Campionato Galego de Piragüismo


Terá lugar o 24 de febreiro no Parque Náutico de Castrelo de Miño

Máis de 500 deportistas participarán no Campionato Galego de Piragüismo que se celebrará no Parque Náutico de Castrelo de Miño o día 24 de febreiro, a partir das 10.00 horas. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e a concelleira de Deportes de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez e Maribel Rodríguez; o presidente do Club Fluvial Avión, Pedro Andrés García; e o presidente e o delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea e José Manuel Fernández, respectivamente.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba que “pon en valor o noso territorio dando a coñecer as potencialidades turísticas da nosa provincia”, salientou Rosendo Fernández, quen destacou “a idoneidade das nosas augas e das infraestruturas deportivas que ofrece o CERLAC, do que forma parte o Concello de Castrelo de Miño, un lugar de referencia a nivel nacional e internacional, que escollen numerosas seleccións e equipos para realizar os seus períodos de adestramento”.

O presidente do Club Fluvial Avión explicou que se trata dun evento “no que esperamos unha participación de máis de 500 palistas”, e Alfredo Bea dixo que no campionato “estarán os mellores clubs galegos, poñéndose ao nivel dun campionato nacional de calquera país de Europa”. Asemade, o presidente da Federación Galega de Piragüismo afirmou que Ourense vai a ser este ano, “a capital do piragüismo galego, acollendo tres campionatos de fondo da Federación Galega, porque as instalacións e as láminas de auga que temos aquí son as mellores de Galicia”.

Pola súa parte, o alcalde de Castrelo de Miño explicou que este ano “iniciamos de novo a colaboración coa Federación Galega de Piragüismo para traer novas modalidades deportivas ao encoro de Castrelo e ao seu parque náutico”, e agradeceu á Deputación de Ourense que continúe a colaborar “no desenvolvemento deste gran circuíto de probas náuticas e deportivas, que é un centro de referencia na provincia de Ourense”.

Deja un comentario