Luns 25 de Xuño de 2018

Felipe VI recibiu á directiva da FEMP, órgano que representa á maioría das entidades locais de España


Na audiencia, que tivo lugar no Palacio da Zarzuela, en Madrid, participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, como membro da Xunta de Goberno da entidade federativa.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou como membro da Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), na recepción que a Súa Maxestade o Rei Felipe VI ofreceu no Palacio da Zarzuela, en Madrid, á directiva do órgano que representa á maioría das entidades locais de España. Na recepción oficial, o presidente da FEMP, Abel Caballero, e os integrantes da xunta de goberno trasladáronlle ao monarca cuestións relativas á administración local, o seu funcionamento e xestión, así como dos proxectos nos que está a traballar a entidade federativa de municipios e provincias. A FEMP remitiralle ao Rei un documento coas súas propostas para o futuro da Administración Local, entre as que figuran a presenza na reforma constitucional, a definición de competencias e o financiamento local.

Con esta audiencia o Rei atende a petición cursada pola Xunta de Goberno da FEMP, a asociación de entidades locais de ámbito estatal con maior implantación, que agrupa a concellos, deputacións, consellos e cabildos insulares, en total 7.324, que representan máis do 90% dos gobernos locais españois. A FEMP tense significado polo fomento e a defensa da autonomía das entidades locais, e a súa xunta de goberno é o órgano encargado de levar á práctica os acordos do Consello Territorial e do Pleno da FEMP.

Manuel Baltar, ademais de membro da Xunta de Goberno integra tamén a Subcomisión de Deputacións da FEMP, na cal figuran como representantes membros de 14 dos 45 gobernos provinciais do Estado.

O documento que a FEMP remitirá ao monarca recolle as iniciativas para futuro da Administración Local en España, e trasladarallo a Felipe VI, quen, en palabras de Abel Caballero, “é un rei moi involucrado e cun profundo coñecemento da realidade municipal”. Na audiencia de hoxe, Felipe VI coñeceu de primeira man o papel vertebrador do territorio e da lexitimación da democracia e a política que xogan os gobernos locais, e tamén as súas aspiracións, que Caballero resumiu en tres grandes capítulos: estar incluídos na reforma constitucional, contar cunha definición clara de competencias, e dispoñer dun modelo de financiamento adecuado. “Queremos ser parte clave da nación”, asegurou Abel Caballero en declaracións posteriores á audiencia.

Deja un comentario