Luns 25 de Xuño de 2018

Máis de 300 atletas competirán o vindeiro domingo no “Cros de Ribadavia” 2018


Un total de 334 atletas competirán o vindeiro domingo, 4 de febreiro no “Cros de Ribadavia” 2018, competición de atletismo de campo a través que se disputará nun circuíto que transcorre na Área Recreativa da Veronza. A presentación deste evento tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o presidente e o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos e Manuel Blanco, respectivamente; o director do Cros de Ribadavia, Lalo Gómez; o coordinador de deporte escolar do servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez, e o concelleiro de Deportes de Ribadavia, Ricardo González.

A proba abrangue o LXXXIII Campionato de Galicia Absoluto de Campo a Través de Homes, e o LI do Campionato de Galicia Absoluto de Campo a Través de Mulleres, “a proba atlética con maior prestixio de Galicia, que celebrou a súa primeira edición no ano 1916”, salientou Lalo Gómez, destacando que se darán cinta os mellores especialistas do medio fondo e fondo de Galicia”. Tamén se disputarán o LI Campionato de Galicia Sub23 Homes, o XXXVI Campionato de Galicia Sub23 Mulleres, o LI Campionato de Galicia Sub20 Homes, e o XXXVII Campionato de Galicia Sub20 Mulleres.

Bernardino González dixo que se trata dun dos “campionatos máis antigos de Galicia que vai xa pola súa 83ª edición”, e agradeceu á Federación Galega de Atletismo que confíe novamente “na provincia de Ourense para acoller un evento deportivo desta índole, que resulta atractivo para participantes e para asistentes”.

A proba deportiva, que comezará ás 10.30 horas, está incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo. Isidoro Hornillos dixo que Ourense “albergará outra das citas estrelas dunha disciplina deportiva que historicamente deu grandes éxitos ao deporte galego”, e destacou que Ourense, ademais de ser a provincia termal, “tamén é a provincia atlética porque está a converterse nun referente neste ámbito en Galicia e no resto de España”. Pola súa parte, Ricardo González agradeceu que Ribadavia “acolla por quinto ano consecutivo esta proba”, mentres que Manuel Pérez destacou que este tipo de eventos “poñen en valor o deporte na provincia de Ourense”.

Deja un comentario